Destináronse 30.504 euros procedente dos Fondos de Compensación Ambiental da Xunta e do plan Máis Provincia da Deputación
O novo equipamento reforzará e mellorará o traballo dos departamentos municipais
O goberno municipal de Silleda vén de incorporar ao seu parque móbil dous novos equipamentos: un remolque modular e unha trituradora lateral polivalente. Esta maquinaria, adquirida á empresa Hermanos Villar A. U. S. L., supuxo un investimento de 30.504,10 euros, IVE incluído, e destinarase a actuacións de protección do medio e do espazo natural, con especial atención á prevención, extinción e xestión de situacións de risco ou sinistro.
A adquisición realizouse ao abeiro da orde do 28 de decembro de 2023, que regula os criterios de repartición e establece as bases das subvencións da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental de 2024. Ao Concello de Silleda correspondeulle unha axuda de 28.708,22 euros, completada con 4.990,28 euros procedentes dos fondos do programa Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.
A entrega do equipamento tivo lugar nun acto no que participaron responsables da empresa adxudicataria, a alcaldesa Paula Fernández, e os edís de Medio Rural, Asunción García, e de Obras e Servizos, Antonio Ferro, quen coordinarán os traballos, xunto con persoal municipal.
O novo remolque modular de un eixo instalarase nun dos tractores municipais e utilizarase en tarefas de apoio para a apertura de cunetas. Esta incorporación amplía a flota municipal de obras, que no pasado ano xa fora reforzada coa compra dun camión, unha extendedeira de asfalto e un pisón.
Pola súa parte, a trituradora lateral polivalente, que se acoplará a outro tractor, permitirá unha maior eficiencia nos traballos de desbroce. Ademais, inclúe un portón traseiro abatible para facilitar as tarefas de carga e descarga. “Con esta complementarase o servizo no departamento de Vías e Obras, ao facilitar a apertura de cunetas previas aos traballos de mellora viaria”, sinalou a alcaldesa Paula Fernández Pena.
A nova maquinaria destinarase principalmente a tarefas de limpeza de espazos naturais, faixas secundarias e terciarias, noiros de camiños e pistas de titularidade municipal, así como ao transporte de restos vexetais.