Silleda, 19 de outubro de 2016. O goberno municipal de Silleda vén de informar aos veciños e veciñas da parroquia de Pazos da reordenación para acceder á Fervenza do Toxa, unha iniciativa que forma parte do proxecto de mellora da accesibilidade e sinalización a este entorno natural e turístico e ao mosteiro de Carboeiro.
O alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Turismo, Ana Luisa González, mantiveron un encontro cos residentes na parroquia para informar dos cambios na circulación e outras actuacións incluídas no proxecto, financiando polo Concello de Silleda e Turismo de Galicia, e cun orzamento de 59.000 euros.
O alcalde sinalou que nesta primeira actuación o máis destacado é a mellora da sinalización, xunto coa retirada do tráfico rodado no entorno da fervenza.
Neste senso, Cuiña e González Costa explicaron que xa esta mesma semana se colocarán senllas barreiras de madeira( similares á colocada no último tramo) que imposibilitarán a baixada os visitantes en coche, quedando todo o tramo peonil.
Os veciños e propietarios con parcelas nesta zona serán os únicos que terán acceso cando o precisen, tal e como se lles informou no encontro.
“Con esta medida non só evitamos que os vehículos circulen por un entorno natural, senon tamén unha mellor conservación dos accesos e maior seguridade”, indica Cuiña lembrando que se teñen dado situacións de perigo na baixada con vehículos ata o último tramo da Fervenza.
Na baixada, nos tramos de maior pendente colocáronse xa travesas de madeira e terra prensada así como balaustres nalgún caso.
Queda pendente por habilitar o aparcadoiro na parcela do Adif, á espera da resposta deste organismo estatal. Mentras, queda habilitada como zona de aparcamento a área situada xunto á igrexa.
“Mentres non teñamos esta autorización colocaráse un indicador xunto á explanada da igrexa parroquial, nunha zona cunha capacidade estimada de 30 vehículos”, explica a concelleira de Turismo.
Dende esta semana quedará tamén o sendeiro habilitado e sinalizado dende o miradoiro ata o mosteiro de Carboeiro, con 6, 8 kilómetros de lonxitude.
En canto á sinalización, retiraránse todas as sinais vellas e xa deterioradas e colocaránse outras de madeira no entorno da Fervenza. Así mesmo, haberá nova sinalización viaria dende distintos puntos para informar aos visitantes (na rotonda da AP-53 e na da N-525 en Silleda) no cruce da N-525 con Vilanova, dende Breixa, A Bandeira…
Novo acceso recomendado para chegar á parroquia
Así mesmo explicouse aos veciños, que con este proxecto queda sinalizada a entrada á parroquia polo acceso que realizou no seu día o Adif, debido a que se trata dunha pista con maiores dimensión e que facilita o acceso a vehículos como autobuses.
Así mesmo, o alcalde e a concelleira agradeceron aos veciños e veciñas a súa labor como guías dos milleiros de persoas que se achegan cada ano ata este enclave.
Completa as actuacións xunto a fervenza a mellora da ponte de ferro, sobre o río Toxa e dunha fonte situada no entorno.
“Con estas actuacións queremos mellorar os dous puntos con maior afluenza de visitantes, realizando distintas obras que ao mesmo tempo continuarán poñendo en valor estes dous enclaves”, indica a concelleira de turismo, Ana Luisa González.