Silleda, 21 de maio de 2013. O Concello de Silleda, a través do departamento de Obras e Servizos, que dirixe Manuel Cuíña, iniciou esta semana as obras para extender a traída municipal de augas á parroquia de Ponte. As máquinas municipais xa están abrindo as zanxas para a correspondente instalación de tuberías.
Con esta actuación daráse servizo as vivendas situadas no lugar de Trasdosixto, así como ao centro social da localidade. Precisamente este último edificio será un dos que se sumen a este servizo, solucionándose tamén os problemas de abastecemento que viña causando as múltiples averías no motor do pozo que suministraba ao centro social de Ponte.
As obras, coa instalación duns 1.000 metros de conducción de tuberías, realízanse exclusivamente con fondos municipais, cun coste estimado que se achega aos 12.000 euros.
“Con esta dotación, dende o goberno municipal continuamos co plan previsto para dotar de abastecemento de auga ás localidades do rural, procurando extender a rede dos cascos urbanos ás localidades máis próximas”, sinala o concelleiro de obras Manuel Cuíña, que avanza que se continuará traballando para sumar a outros lugares de Ponte á rede.
Así, a parroquia de Ponte únese ás de Saídres, Cortegada, Taboada e Manduas, donde dende o Concello xa se procedeu á extensión da rede municipal.
A próxima actuación, en Toxa
“Cremos que dende a Administración local debemos de facer un esforzo por dotar de servizos básicos, coma o abastecemento de augas aos residentes no rural”, engade Cuíña.
O concelleiro de Obras e Servizos e a alcaldesa, Paula Fernández, participarán hoxe martes ás 21.00 horas nun encontro cos veciños e veciñas dos lugares de Ponte que poderán conectarse á rede para explicarlles cómo se realizarán as obras e cómo deben tramitar as conexión das súas vivendas.
A próxima actuación para extender a traída de augas de Silleda levarase a cabo no lugar de Toxa.