A actuación ten un orzamento de 179.627 euros e suporá a renovación integral de toda a zona de xogo
Silleda, 23 de xaneiro de 2026. O Concello de Silleda vén de iniciar o procedemento para a contratación das obras de reforma e cambio de cota do parque da Praza da Igrexa, unha actuación que se financiará con cargo ao Plan Máis Provincia. O proxecto contempla a renovación integral do espazo infantil situado no centro urbano, entre a Avenida do Parque, a rúa Santa Eulalia e a Igrexa parroquial de Silleda, nunha superficie de actuación de 278,87 m².
A Xunta de Goberno Local deu hoxe o visto boa o inicio do expediente de contratación desta obra “unha intervención moi necesaria nun punto moi céntrico e moi usado polas familias, co obxectivo de gañar en accesibilidade, seguridade e comodidade”, indica a alcaldesa e concelleira de Obras, Paula Fernández. Así mesmo, a rexedora apunta que “esta obra vén completar as actuacións de humanización que xa se están a levar a cabo na Avenida do Parque e no seu entorno, consolidando unha mellora global desta zona da vila”.
O proxecto recolle o rebaixamento da cota do actual parque, que agora se atopa elevado respecto do vial perimetral, para situalo á mesma altura e mellorar a accesibilidade e o funcionamento do espazo. Para iso crearase un talud verde de transición e tamén un pequeno graderío cara ao lado da igrexa, ademais de renovar pavimentos e drenaxes para evitar acumulacións de auga.
A actuación, que estaba pendente dos permisos necesarios doutras Administracións supramunicipais, (da autorización de Patrimonio) inclúe tamén a substitución completa dos xogos infantís, con instalación de elementos homologados e con opcións adaptadas para nenos e nenas con mobilidade reducida, así como novas áreas de seguridade con pavimentos amortiguadores.
Ademais, prevese a incorporación de mobiliario urbano (bancos, papeleiras e luminarias) e a mellora do axardinamento con especies autóctonas de baixo mantemento, buscando integrar o parque no conxunto do espazo público.
O orzamento base de licitación ascende a 179.627,43 euros (IVE incluído). Nos próximos días iniciarase o proceso para a contratación da mesma.
A rexedora engadiu que “seguimos avanzando na mellora dos espazos públicos e, especialmente, daqueles pensados para o uso diario das familias. Queremos un parque máis cómodo, máis seguro e máis atractivo, acorde ao lugar no que está e ao uso que ten”.
