O Concello investirá 20.000 euros na mellora e acondicionamento da zona de baño de Cira

Silleda, 3 de xuño de 2013. O Concello de Silleda iniciará  en breve as tarefas previstas no proxecto de mellora e acondicionamento da zona de baño de Cira. O orzamento municipal contemplaba xa unha partida de 3.500 euros, nas actuacións da Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural, unha partida que agora se completa coa subvención para zonas de concellos incluídos na Rede Natura 2000.

Segundo a resolución, comunicada pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, o importe desta axuda (16.509,24 euros) repartirase en dúas anualidades. Para este ano a contía será de 9.080,08 euros, debendo xustificar os gastos das actuacións realizadas como máximo o 30 de setembro. Para o ano 2014, a contía prevista é de 7.429,16 euros.

Así, a inversión total do proxecto, que  ten como obxectivo a mellora da paisaxe e o mantemento das condicións ambientais, así como a recuperación de especies históricamente relacionadas coa actividade agraria en zonas da Rede Natura 2000, é de 20.000 euros. Con esta actuación tamén se busca a posta en valor de elementos históricos, patrimoniais ou culturais que sexan representantivos da paisaxe agraria tradicional.

O proxecto realizado dende a Concello de Silleda, busca mellorar a paisaxe agraria e desenvolver usos recreativos. “Ademais de limpar e restaurar camiños de acceso aos predios, tamén se sinalizará a zona e poñerase en valor unha área de especial singularidade”, sinala o concelleiro Antonio Couso.

As actuacións concretas que recolle o proxecto inclúen o acondicionamento e sinalización da zona de baño de Cira, coñecida como Xunta dos Ríos (por confluir aquí o Ulla e o Deza); a creación dunha área recreativa con equipamento axeitado; acondicionamento dun miradoiro na Xunta dos Rios e creación dun sendeiro pola contorna, co dedido acondicionamento e sinalización.

             

No caso concreto de Silleda a superficie incluía na Rede Natura 2000 é de 2.127 hectáreas, o que supón un 12,67% do territorio municipal. Conforman este espazo as Brañas de Xestoso, a Serra do Candán e o Sistema Fluvial Ulla-Deza, no que se atopa este entorno.

A zona onde promove a actuación a Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural atópase  na parte fonda e llana da parroquia de Cira, a tan só 67 metros sobre o nivel do mar, delimitada polos ríos Ulla e Deza. Ten unhas dimensións aproximadas de 1,10 km en sentido Norte e 1,3 km en sentido leste-oeste.  Figura recollida na Rede Natura 2000, como Lugar de Interese Comunitario (LIC) do Sistema  Fluvial Ulla-Deza.

Entre as características da parroquia de Cira destacan o seu clima benigno, moi apto para cultivos hortofrutícolas de gran calidade,  como xudía, tomate, pementos, leitugas, etc; a abundancia de invernadoiros dedicados a cultivo de flor de gran calidade; ou a existencia de destacadas explotacións de mazá. Esta parroquia silledense, que alberga ademais coutos de pesca de salmón, está incluída na Denominación de Orixe Rias Baixas con produción de Alvariño. Como elementos do seu patrimonio histórico artísticos destacan o antiguo castelo, fundado no S. XII por Bernardo Xoan de Deza e posteriormente feudo da Raiña Dona Urraca e o Conde de Altamira; o pazo de Paizás, igrexas e as casas solaregas.

O obxectivo da actuación promovida pola Concellería silledense pasa por potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e, por extensión ao desenvolvemento do territorio rural do municipio. Tamén se pretende preservar os ecosistemas de alto valor natural e protexer en cada zona o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia.