Silleda, 5 de xullo de 2014. O Concello de Silleda vén de recibir a notificación por parte da Consellería de Economía e Industria comunicando a concesión da subvención para o arranxo e mellora da rede viaria do parque empresrial Área 33.
Esta inversión foi solicitada dende o Concello de Silleda a través da convocatoria de axudas para a habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia, cofinanciadas polo fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER).
Así, e segundo se recolle na resolución, o proxecto de Silleda foi aceptado con unha inversión de 115.345,40 euros, dos que a Consellería de Economía aportará o 80% (92.276,32 euros) e a cantidade restante financiarase con fondos municipais.
O alcalde, Manuel Cuíña, explica que nos vindeiros meses se acometerán estas obras para mellorar as vías e accesos ao polígono silledense. “Con esta actuación, vimos a completar as anteriores dotacións neste parque empresarial, logo de que o Concello se acollera a esta orde de axudas”, explica.
Así, no ano 2012 instalouse no recinto do parque un sistema de videovixiancia para mellorar as condicións de seguridade das empresas situadas no recinto empresarial. O pasado ano, levouse a cabo tamén un importante proxecto no plano enerxético coa instalación dun sistema de placas fotovoltáicas destinadas ao autoabastecemento do alumeado exterior no parque empresarial Área 33 de Silleda, con máis de 80.000 euros de inversión.
“Logo da instalación de cámaras e da actuación do pasado ano, coa que logramos tamén un importante aforro en enerxía, decidimos completar a dotación do parque empresarial con esta proposta para mellorar a rede viaria do polígono”, sinala o rexidor silledense, explicando que con este terceiro proxecto “continuamos a actuación de mellora no polígono empresarial, ofertando mellores servizos a todas as entidades alí instaladas”, remata.
A concesión da axuda darase a coñecer na vindeira sesión da Xunta de Goberno local que se celebrará o vindeiro martes día 8.