O Concello lamenta a decisión do Hotel Exe Via Argentum de pechar a zona de spa para cursos de natación e aquagym

O Concello de Silleda lamenta a decisión do Hotel Exe Via Argentum de non permitir o uso da zona de spa nos vindeiros meses. Esta decisión implica a suspensión das clases de natación, que ían comezar esta mesma semana, e das de Aquagym, xa en marcha desde outubro incluso con lista de agarda ante a alta demanda da veciñanza.

Na pasada semana, representantes do Concello mantiveron unha reunión cos responsables da cadea hoteleira que xestiona o establecemento, ao coñecer que o hotel decidira dar marcha atrás no acordo alcanzado coa empresa encargada do Spa Fervenza do Toxa, que permitía abrir as instalacións de forma independente ao hotel.

O goberno municipal, que tentou negociar ata o último momento, recibiu hoxe a comunicación de que non se permitirá a apertura independente do spa nos vindeiros meses, unha decisión que afecta tamén a varios postos de traballo que se creaban con esta actividade.

Dende o executivo considérase unha mágoa que finalmente non se poida ofrecer este servizo, cuestión que por outro lado anima ao goberno silledense a continuar traballando para a consecución dunha piscina climatizada, un  proxecto do que se están a facer progresos e do que pronto se darán a coñecer novos detalles.