Silleda, 16 de febreiro de 2013. O Concello de Silleda estaá presente no III Salón Turístico de Galicia, Turexpo 2013, que se celebra no recinto Feira Internacional de Galicia a vindeira fin de semana. A entidade local anfitriona participará no certame cun stand promocional no que se amosarán os recursos máis senlleiros (mosteiro de Carboeiro, Fervenza do Toxa, cultura castrexa, rutas de sendeirismo…), ademais de outros elementos patrimoniais. Neste stand tamén se proxectará un vídeo promocional feito para a ocasión, que dará a coñecer actividades carácter cultural, turísticas e gastronómicas.
De xeito paralelo e tendo en conta o carácter eminentemente profesional do certame Turexpo, o Concello de Silleda participará na bolsa de contratación turística deste salón. O concelleiro de Turismo, Matías Rodríguez da Torre explica que se ofertarán dúas rutas básicas, nas que se poñerán en valor elementos coñecidos coma o mosteiro de Carboeiro ou a Fervenza do Toxa xunto a outros coma a Férveda de Escuadro, unha pequena ruta do románico (con Ansemil e Breixa como paradas) así coma outros atractivos novidosos. As visitas a unha explotación agraria ou a unha queixaría formarán parte dos paquetes turísticos, que se combinarán con estancias nas cdas de turismo rural e cos restaurantes do municipio. Do mesmo xeito, nos paquetes para grupos incluiríase o servizo de guía turístico. “Ofertaranse dous paquetes turísticos que os touroperadores poderán negociar co Concello de Silleda para logo participar os establecementos interesados”, explica Da Torre. Na bolsa de contratación establecerán uns prezos estimativos, que de ser o caso, se negociarían cos establecementos interesados. “Trátase de poñer a Silleda no mapa dos touroperadores”, sinala o concelleiro, “combinando elementos moi coñecidos coma Carboeiro con outros recursos turísticos do noso municipio ou a posta en valor de sectores coma o lácteo, fomentando as visitas a explotacións agrarias” , engade Da Torre. Das relacións cos touroperadores encargaranse Rocío Liñares, diplomada en Turismo e que logo do seu traballo como guía en Carboeiro segue a colaborar co departamento municipal, e o xeógrafo silledense Afonso Leal.