O Concello presentou o proxecto Auga e Pedra á convocatoria da Rede Natura para mellorar o entorno de Carboeiro e a Fervenza do Toxa

Silleda, 17 de setembro de 2014. O Concello de Silleda, tal e como se anunciara o mes pasado, vén de concorrer á orde do 28 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para actividades ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000, con un anteproxecto para a mellora do entorno do mosteiro de Carboeiro e da Fervenza do Toxa.

Estes dous coñecidos enclaves están catalogados ademais como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) no Sistema Fluvial Ulla-Deza. Baixo o título Auga e Pedra, o proxecto recolle a mellora de camiños para adecuación do uso público nas contornas do mosteiro e a fervenza, os dous grandes emblemas paisaxísticos e turísticos de Trasdeza.

“A grande afluenza de visitantes fai que debamos apostar pola conservación e mantemento en condicións axeitadas destes dous lugares, nos que ademais do paso do tempo, tamén están a facer mella nos últimos temos fenómenos naturais e mesmo actos vandálicos”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña.

Á vista do incipiente deterioro destes entornos e da conxuntura actual, dende o Concello de Silleda afrótnase este anteproxecto co afán de obter un máximo rendemento dos recursos disponibles e de subsanar en todo o posible as deficiencias en canto a mantemento e tamén seguridade.

Búscase potenciar actividades que , sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúan á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento do territorio no municipio, ademais de preservar ecosistemas de gran valor.

Na memoria descriptiva recóllense algúns factores relevantes na zona como a existencia de coutos de pesca, a relevancia histórica do mosteiro de Carboeiro, que data do século XII e que no ano 1931 foi declarado Ben de Interese Cultural, enclaves como a ponte do Demo a presenza de aguas sulfurosas … e o feito de que unhas 15.000 persoas visiten cada ano esta zona, con importante presenza do turismo rural.

Analizadas as deficiencias, propóñense levar a cabo distintas actuacións para a mellora da paisaxe e o desenvolvemento de usos recreativos, con un orzamento estimado de 23.900 euros.

 Así, en Auga e Pedra recóllense actuacións de limpeza e desbroce dos camiños de acceso ás zonas da Senda do Deza, que une o mosteiro e a Fervenza do Toxa; a reparación de valados de madeira como medidas de seguridade nos camiños existentes, que están moi deteriorados; ou a dotación de sinalización para acceder a estos lugares dende as estradas comarcais. Tamén se acondicionarán e sinalizarán os miradoiros da fervenza e o camiño de baixada dende esta.

Logo das actuacións de mellora, dende o Concello de Silleda, onde o proxecto se coordinou dende os departamentos de Medio Ambiente, que dirixe Luis Rodríguez, e de Turismo, con Margarita Campos ao fronte, buscarase a posta en valor con outras iniciativas.

 

Senda botánica

Unha das actuacións previstas pasa pola creación de unha senda botánica xunto á Abadía de Carboeiro, na que se instalarían paneis e placas informativas sobre a diversidade da flora no entorno, en tres idiomas.

 “Agardamos que a proposta sexa aceptada na convocatoria das axudas á Rede Natura para poder acometer estas actuacións que de seguro incrementarán a posta en valor destas dúas xoias de Silleda”, apunta Cuíña.