Silleda, 1 de abril de 2015. O Concello de Silleda realizou un novo proxecto para dotar á Casa da Cultura da localidade dun elevador, unha infraestrutura moi agardada para eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a accesibilidade neste edificio municipal.
O proxecto realizase con cargo aos fondos que lle corresponden a Silleda do Plan Provincial de Obras e Servizos (POS) de 2015. O orzamento total da actuación sitútase en 61.058,56 euros.
Con este elevador darase solución á comunicación entre as distintas plantas do edificio. A dotación realizarase cun emprazamento exterior, pola parte traseira do inmoble, unindo o elevador á altura de cada planta mediante unha pequena pasarela.
Segundo se recolle no proxecto técnico, proponse esta zona por tratarse de unha solución non agresiva coa edificación existente, xa que non será necesario deste xeito practicar ocos nos forxados construidos.
“A execución das obras con esta solución será máis sencilla, ao non alterar tamén o funcionamento na Casa da Cultura, xa que o ascensor se colocará nunha zona na que non se rexistra actividade, podendo acceder os usuarios da biblioteca pola parte traseira do recinto”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
O rexedor lembra que no ano 2012 xa se presentou dende o Concello outro proxecto para conseguir esta esperada dotación, “pero pola cabezonería do entón concelleiro de Cultura Matías Rodríguez da Torre perdéronse os cartos pese ás advertencias que lle fixen daquela, candou eu era tenente de alcaldesa”, apunta Cuiña. “Esta é unha proba evidente de que o tempo pon a cada quen no seu sitio”, remata o rexidor.
Agora, o Concello de Silleda agarda que con esta actuación “poidamos dotar finalmente á Casa da Cultura desta necesaria infraestrutura, para mellorar a accesibilidade e facilitar o acceso tanto das persoas como no tocante ao movemento de materiais”, engade.