Silleda, 8 de xaneiro de 2015. Operarios municipais do Concello de Silleda iniciaron hoxe os traballos para dotar de baldosas un dos tramos da beirarrúa da rúa Morón.
Trátase dun tramo, na marxe dereita da vía (dende a avenida da estación) que carecía de baldosas e aínda estaba en cemento. “Con estos traballos as beirarrúas do tramo de Morón quedarán completamente rematadas”, apunta o alcalde, Manuel Cuiña.
Estes traballos, que se suman a mellora doutras beirarrúas nos cascos urbanos, (caso de reposicións no tramo de Braña do Medio, tamén acometida nestes días), non só melloran esta zona dende o punto de vista estético senon tamén por razóns de seguridade.
Circuito peonil
“Ésta zona é moi frecuentada tanto por veciños e veciñas que pasean como por usuarios dos centros escolares que se atopan nas inmediacións”, engade o alcalde. Estas obras veñen a rematar todo o circuito de beiravías no entorno da rúa da Estación, que completará en breve co inicio das obras de mellora da estrada de Vilanova, dende a citada rúa ata a N-525 (a altura do tanatorio). Estes traballos adxudicados á empresa Endenor por 110.000 euros, iniciaranse nos vindeiros días e incluirán a dotación de unha senda peonil na marxe esquerda da calzada (baixando cara a estrada nacional).