Silleda, 28 de novembro de 2014. O Concello de Silleda solicitou en días pasados á Xunta de Galicia a dotación de pasos de peóns elevados na rúa Ramón de Valenzuela da Bandeira.
Este tramo urbano, situado na estrada PO-204, de titularidade autonómica, atópase nunha das zonas con maior densidade de poboación da vila da Bandeira. “Cremos que a elevación dos pasos de peóns contribuiría a mellorar a seguridade viaria neste tramo”, sinala Cuiña.
O alcalde explica que por esta vía circulan numerosos vehículos pesados. Así mesmo, apunta que se dan casos de vehículos que “procedentes de Vila de Cruces, logo de pasar por un tramo de maior amplitude na calzada, entran nesta rúa a velocidades que non son axeitadas”.
Outra das peticións formuladas na solicitude pasa polo arranxo do firme nesta rúa. O alcalde lembra que logo das obras realizadas por un operador de telecomunicacións para a canalización de cables, “o firme desta rúa quedou danado nalgúns puntos, chegando a formarse incluso baches ao pé das vivendas”, engade.
“A empresa presentou un aval no seu día, así que o normal é que se proceda ao arranxo”, indica o alcalde lembrando que estes desperfectos causan numerosas queixas veciñais.