Silleda, 18 de marzo de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, vén de solicitar á Consellería de Medio Ambiente o subministro de novos colectores de lixo. Nunha carta remitida ao conselleiro, Agustín Hernández, lembra os esforzos realizados polo Concello de Silleda nos últimos anos para optimizar a recollida selectiva de residuos.
“A día de hoxe continuamos coa imperiosa necesidade de contar con máis colectores para dar un servizo axeitado aos usuarios”, sinala Cuíña, que na misiva lembra que Silleda non recibe ningún tipo de material para a recollida dende o ano 2011.
Ademais reitera que urxe a reposición de colectores en varios puntos do termo municipal, ben polo aumento de depósitos, polos desperfectos que sofre este tipo de material e mesmo, nalgún caso, porque foron roubados.
Segundo as estimacións do departamento municipal de Medio Ambiente, a día de hoxe sería necesario contar con 120 unidades de colectores de orgánico (verdes), de 800 litros de capacidade; outros 40 colectores amárelos, tamén de 800 litros; 5 iglús para a recollida de vidro, e outros 5 para a de papel-cartón.
“Agardamos que dende a Consellería se teña en conta esta petición para poder dar un servizo axeito”, engade o alcalde, Manuel Cuíña.