O Concello solicita unha subvención para instalar un parque solar fotovoltáico en Área 33

Silleda, 10 de xuño de 2013. O Concello de Silleda concorrerá ás axudas para a habilitación e mellora de infraestructuras nos parques empresariais de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A proposta do goberno municipal silledense ten como obxectivo a mellora da instalación enerxética do parque empresarial Área 33 e a tamén aspectos relacionados coa seguridade.

Así, plantexase unha actuación integral de eficiencia enerxética no alumeado público do polígono, coa instalación dunha planta de xeración fotovoltáica que alimentaría o parque empresarial e que ao mesmo tempo modernizaría o sistema enerxético da zona, onde se veñen rexistrando determinadas carencias.

O proxecto, aprobado en xunta de goberno local a proposta do concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña,  contempla un sistema centralizado para xerar a enerxía que precisa o alumeado exterior de todo o polígono coa instalación de paneis solares fotovoltáicos, que xunto con outros equipamentos (acumuladores, inversores…) surtan da enerxía necesaria a rede de alumeado. Deste xeito, tamén se reduce a dependencia enerxética do Concello e se contribúe a unha maior eficencia no gasto.

 

 

Segundo figura na memoria do proxecto, a combinación da xeración fotovoltáica cun sistema que regule a potencia consumida permitirá a reducción da dependencia do alumeado no polígono das redes convencionais en máis dun 85%.  O orzamento total do proxecto ascende a 119.433 euros.

“Con esta iniciativa non só se busca dar solución aos problemas de subministro eléctrico, senon tamén mellorar en eficiencia enerxética e nos índices de aforro, continuando coa filosofía iniciada por este departamento municipal”, sinala o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña Fernández. Así mesmo, de facerse realidade esta instalación, o Concello podería convertirse en operador enerxético, vendendo a enerxía eléctrica que se produza a través do parque solar.