O Concurso #SilledaCreanaCasa, de debuxo e escrita,  repartirá 2.000 euros en premios para gastar no comercio local

-As bases poden consultarse na web municipal. Os mais cativos, ata 6 anos, terán todos premio (libros ou material escolar) e haberá dúas categorías: de debuxo (de 6 a 13 anos) e de relato curto ou poesía (maiores de 13). Os traballos deben remitirse por mail ata o 1 de xuño

 

Silleda, 14 de abril de 2020.  O Concello de Silleda vén de poñer en marcha o certame #SilledaCreanaCasa cun dobre obxectivo: fomentar a creatividade durante o confinamento entre a poboación e axudar ao comercio local, xa que os premios consistirán en vales para gastar nos establecementos de proximidade.

As bases, que xa poden consultarse na web establecen varias categorías para este certame, de creación artística e escrita . A temática debe estar relacionada coa situación social actual, primando as mensaxes que expresen esperanza e recollan reflexións sobre o escenario que plantexa esta pandemia.

Os máis cativos da casa, ata os 6 anos, que participen cos seus debuxos terán premio seguro, con libros ou material escolar que se adquirirán nas librarías do municipio.

As persoas participantes de 6 a 13 anos poderán presentar debuxos ou creacións plásticas e as maiores de 13 poden concursar con traballos escritos: e forma de poema ou relato curto, sen exceder os dous folios a 1 unha cara. Todos os traballos deben de estar en galego e cada participante só poderá presentar un único traballo.

O prazo de presentación dos traballos rematará o 1 de xuño e deben enviarse por enderezo electrónico a info@silleda.gal (podendo adxuntar imaxes no caso dos debuxos). En cada unha das dúas categorías haberá tres premios: un primeiro de 500 euros, un segundo de 300 euros e un terceiro de 200 euros, todos eles consistentes en vales para mercar no comercio local de Silleda. En total serán 2.000 euros  os que se investirán no establecementos de proximidade.

O xurado estará formado por dous artistas locais, un escritor/a  e un/unha  xornalista, así como pola concelleira de Cultura, (ou persoa en quen delegue), con voz, pero sen voto.

A resolución do concurso comunicarase, de ser posible, ao longo do mes de xuño, con posibilidade de organizar (se as circunstancias daquela o permiten) unha mostra cos traballos participantes e un recital no caso dos poemas ou relatos presentados.

Dende a Concellería de Cultura, que organiza o certame en colaboración cos departamentos de Educación e Comercio, anímase á veciñanza a participar coas súas creacións neste certame. Aquí tedes as bases: