Silleda, 11 de xullo de 2016. O Concello de Silleda subscribiu, o pasado mes de maio, o convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa.
Este servizo, consistente na subministración de comida a domicilio, co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, que non poidan valer por sí mesmas, para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús, artéllase a través da xestión directa por parte do Consorcio, en colaboración coa Consellería de Política Social e cos concellos consorciados , e forma parte do conxunto de servizos promovidos pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
Un grupo formado pola concelleira de Igualdade e Benestar do Concello de Silleda, Pili Péon, xunto con unha traballadora social do concello, unha traballadora social do SAF, unha auxiliar, e Milagros Nieto, responsable do programa Xantar na Casa, visitaron a pasada semana Culinaria, a empresa encargada do subministro dos menús ás persoas beneficiarias do devandito programa. En Silleda cubriranse dez prazas con este servizo de comida a domicilio.
Os integrantes da visita, non so coñeceron as instalacións da empresa, e o proceso de elaboración dos menús, senón que tamén puideron degustar un menú típico dos proporcionados aos beneficiarios do servizo.