Silleda, 12 de xuño de 2013. Silleda súmase hoxe ao acordo asinado en decembro de 2012 para a promoción conxunta do patrimonio histórico artístico, etnográfico e mineiro da comarca do Deza, no que participan o Museo da Mineiría de Fontao, a Fundación Paco Lareo –A Solaina de Piloño (ambas en Vila de Cruces); o Museo Etnográfico Casa do Patrón (Lalín) e agora tamén o centro museístico de Carboeiro.
Estas catro entidades volveron asinar hoxe o convenio que ten por obxectivo traballar de forma conxunta e coordinada na promoción dos recursos artísticos, históricos, etnográficos e mineiros da comarca do Deza.
É unha iniciativa novidosa e pioneira na comarca, que busca aunar esforzos para tratar de ofrecer aos milleiros de visitantes que se achegan cada ano ata a comarca dezana, un mellor servizo. Así, en cada un dos centros haberá información sobre as outras entidades, co que se mellora tamén a xestión das visitas, sen esquecer a riqueza paisaxística e os servizos que oferta a comarca en sectores coma a hostalería ou o turismo rural.
Semana Verde, primeira cita
A iniciativa bota a andar mañá na Semana Verde co stand conxunto que compartirán as 4 entidades na celebración do certame internacional. Estará situado no pabillón dos Museos (nº 6 fronte ao pavillón1). Cada entidade aportará elementos identificativos de cada centro. Así, ademais de obras de Paco Lareo, non faltará a recreación dunha antiga escola da época por parte de Casa do Patrón; imaxes, proxeccións e outros elementos sobre a historia da mina de Fontao e material sobre Carboeiro, entre o que destaca unha maqueta do mosteiro que se ensina nas visitas dos escolares ao cenobio.
Paquetes turísticos e nova ruta
A medio prazo, tamén se tratará de elaborar paquetes turísticos con visitas guiadas aos catro centros.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, lembrou o proxecto de musealización para Carboeiro e apuntou á necesidade de “fundamentar a dinamización do turismo nunha cuestión que traspase as fronteiras municipais, xa que temos unha comarca inzada de patrimonio, cultura e recursos paisaxísticos”, engadiu. Tamén amosou o seu agradecemento ás outras entidades por permitir a incorporación de Silleda, e sinalou que a participación e o apoio dos Concellos “é fundamental en iniciativas coma esta”.
Pola súa banda o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela, apuntou que o convenio será “moi positivo” para todos os participantes e a comarca en xeral.
O director do Museo da Mineiría de Fontao, Diego Casal Ramos, destacou que se trata dun convenio “efectivo no que todas as partes implicadas estamos a traballar intensamente, e que non se quedará na firma dun papel”. Apuntou que o convenio nace con obxectivos claros, nutríndose de visitas uns a outros.
Tamén avanzou unha interesante proposta que tería como protagonistas a Carboeiro e Fontao: realizar unha ruta entre ambos centros pasando polas antigas minas, unha actuación que precisaría da autorización da empresa propietaria da antiga explotación e tarefas de desbroce e sinalización.
O director xerente da Casa do Patrón, Manuel Blanco, advertiu que esta experiencia “demostra que entre as entidades privadas e públicas se poden facer cousas conxuntas e produtivas e avanzou que o museo de Doade será un dos primeiros en contar con servizo de comedor, que se inaugurará en setembro.
No acto tamén interviu Carmen Lareo, da Fundación A Solaina, que amosou o seu apoio total á iniciativa.