Este mércores, 28 de agosto, o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, xunto co Xefe Territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, visitaron a localidade de Escuadro en Silleda. Acompañados polo goberno municipal, os representantes da Xunta percorreron a pista de Balántiga, onde se realizaron obras de mellora.
A intervención realizada permite mellorar a comunicación dende Balántiga ata o cemiterio parroquial, unindo o lugar coa estrada provincial EP-6515. Esta actuación enmárcase dentro do Plan Marco de mellora de infraestruturas viarias no rural, un programa que ten como obxectivo facilitar a mobilidade e o acceso nas zonas rurais.
O tramo mellorado, de case un kilómetro de lonxitude, complementa a obra realizada en 2021, que mellorou a conexión dende a estrada N-640. Con esta nova fase, complétase un proxecto que busca non só facilitar o acceso á localidade, senón tamén mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da zona. O goberno municipal destaca a importancia destas actuacións para o desenvolvemento rural.