Avalía en Silleda a segunda convocatoria do bono de algueiro para persoas mozas, aprobada por Consello de Ministros, e que destina 11,4M€ a Galicia
Nunha reunión institucional coa alcaldesa, Pedro Blanco pon a Silleda como exemplo de concello dinámico en expansión desde o corazón do rural de Galicia
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco fixo esta mañá unha visita institucional ao Concello de Silleda. Tras reunirse coa alcaldesa, Paula Fernández, remarcou a aposta do Goberno para reverter “a taxa de emancipación máis baixa da historia en Galicia” con medidas de apoio ao aluguer e de acceso á vivenda entre a mocidade e exemplificou este apoio nos 11,4 millóns de euros da segunda convocatoria do Bono Alugueiro Xove, que aprobou a semana pasada o Consello de Ministros.
En Silleda, o delegado repasou as liñas do Goberno coa alcaldesa, Paula Fernández, quen tamén forma parte da Comisión de Vivenda e Axenda Urbana no Congreso dos Deputados. Nesta reunión, na que estivo tamén o subdelegado do Goberno na provincia de Pontevedra, Abel Losada, coincidiron na necesidade de consolidar a vivenda como quinto alicerce do Estado de Benestar con políticas públicas que axuden a fixar poboación en concellos pequenos.
O delegado puxo a Silleda como exemplo para outros concellos polo seu dinamismo e expansión desde o corazón do rural de Galicia.
Bono Alugueiro Xove
Pedro Blanco dixo que co acordó sobre alugueiro, elevase ata os 34,2 millóns de euros a partida que o Goberno destina a Galicia para desenvolver o Bono Alugueiro Xove, “unha achega sen precedentes”, insistiu.
O delegado lembrou que a axuda ao aluguer para mozos foi deseñada e posta en marcha polo Goberno de Pedro Sánchez e forma parte “de un amplo conxunto que temos en marcha para converter a vivenda nun auténtico dereito real e non nun problema”. Unha medida imprescindible en Galicia, apuntou, onde “dúas de cada tres persoas menores de 35 anos aínda vive cos seus pais”.
Con respecto á nova convocatoria destas axudas, o delegado reclamou á Xunta que estea á altura do compromiso do Goberno para atallar esta emerxencia social e que complete con fondos propios o orzamento que recibe do Ministerio. Pedro Branco mostrouse convencido de que a “Xunta será coherente coas súas mensaxes permanentes de compromiso coa vivenda e completará estes fondos”, pois “non o fixo a vez anterior e deixaron a miles de galegos sen unha axuda á que tiñan dereito”, remarcou.
Na semana en que o Goberno galego iniciou o trámite dos orzamentos para o ano 2025, o delegado mostrou a confianza en que as futuras contas inclúan esta achega autonómica, que permitirían que, do mesmo xeito que pasa noutras comunidades que apostaron por completar con fondos propios este programa, todos os mozos e mozas de Galicia que teñan dereito a esta axuda poidan acceder a ela.
Pedro Branco subliñou que “a vivenda é unha política de Estado” e en consecuencia, está acompañada dun orzamento que non ten precedentes na historia e que require da implicación das comunidades autónomas para que chegue á cidadanía. “O noso compromiso é claro: destinamos máis recursos que nunca para garantir o acceso a unha vivenda digna e alcanzable”, insistiu o delegado.
Nesta liña, pediu á Xunta lealdade na execución destas transferencias pois son estes fondos estatais os que posibilitan a materialización dos anuncios que o Goberno galego está a facer nesta materia.