Silleda, decembro de 2012. O departamento municipal de Urbanismo de Silleda resolveu xa un total de 32 expedientes para declarar fóra de ordenación diversas contruccións. Este trámite xurde ao abeiro da Disposición Transitoria Terceira da Lei 2/2010, que pemite regularizar a situación de edificacións sen licenza de obra, con máis de seis anos de antigüidade e que non conten con expedientes de reposición da legalidade abertos.
O prazo para acollerse a esta normativa rematou en abril, presentándose no caso do municipio de Silleda un total de 69 solicitudes, moitas delas na recta final da convocatoria feita dende a Administración Autonómica.
Dende o departamento de Urbanismo, que dirixe a alcaldesa, Paula Fernández, xa se remitiron a día de hoxe todas as peticións á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), organismo que debe informar sobre a existencia de expedientes abertos e se procede ou non inscribir as construccións no rexistro de fóra de ordenación. A día de hoxe só hai 8 expedientes que están á espera de ser informados por este organismo.
Entre as solicitudes rexistradas figuran ademais de vivendas explotacións gandeiras e naves industriais. Nalgúns casos, a inscrición no rexistro de fóra de ordenación abrirá aos propietarios a posibilidade de solicitar a pertinente licenza e actividade.
“Con esta fórmula legal algunhas construccións do municipio de Silleda que no seu día se fixeron sen licenza de obra poderán regular agora a súa situación, inscribíndose tamén no rexistro da propiedade, algo que antes non podían facer” , sinala Paula Fernández, que explica que dende o departamento se trata de dar a maior axilidade posible aos expedientes, que logo da súa revisión son abordados nas xuntas de goberno local.
Así mesmo, Paula Fernández lembra que dende o departamento municipal vense incidindo nos últimos meses en advertir aos veciños e veciñas que tramiten solicitudes de licenza de obra para todos aqueles traballos que teñan previsto facer. Con isto evitaranse, “ademais de agravios comparativos, con outros veciños que sí fan a solicitude e pagan as taxas correspondentes, posibles denuncias entre particulares”, engade.