O Entroido volverá ser protagonista no municipio de Silleda durante o mes de febreiro cunha ampla programación que se estenderá entre os días 7 e 18 de febreiro, con propostas repartidas entre Silleda, A Bandeira, Lamela e Abades, e co Entroido da Ulla e os Baldréus como grandes eixes da celebración.
A programación inclúe desfiles, Altos dos Xenerais, festas infantís, actividades gastronómicas, música e tradición popular, grazas ao traballo conxunto das asociacións culturais e veciñais e o Concello de Silleda.
Membros dos distintos colectivos organizadores presentaron hoxe xunto ca alcaldesa, Paula Fernández, e o resto de membros do goberno local, a ampla programación deste ano no municipio.
A primeira das citas terá lugar o sábado 7 de febreiro en Abades e Lamela. Da man da asociación A Costa, celebrarase en Abades un xantar seguido dun baile de disfraces e concurso, amenizado polo dúo Cristina e Lucia. En Lamela, a asociación Anxela, arrancará a celebración co desfile de Entroido ás 16:30 horas pola N-525 dende Barravaite, seguido do Alto dos Xenerais ás 17:30 horas no campo da festa. A xornada completarase cunha festa nocturna amenizada por DJ Calwin e premios aos mellores disfraces en grupo e individuais.
O mércores 11 de febreiro volta o Entroido de Namorar ao Centro social dos maiores da Bandeira, a partir das 18:00 horas, unha festa amenizada polo Dúo Punto Zero.
Bandeira e Silleda, epicentro da fin de semana grande
O venres 13 de febreiro, tamén na Bandeira, terá lugar ás 18:00 horas a saída dos cabezudos, e a parranda e a apertura do Entroido a cargo da Moira na praza do Entroido. A esta actividade seguiralle a vellada, con percorrido polos bares acompañada de música tradicional e charanga (Os revirados da folla, Estraloqueiras e a charanga da mocidade da Bandeira) . En Silleda, a rapazada de 6º do CEIP Plurilíngüe de Silleda protagonizará un mercadiño de Entroido e un concurso de disfraces, tamén o venres a partir das 18:00 horas na praza Juan Salgueiro.
En Silleda, o venres sombreireiro, que se estreou o pasado ano, volta de novo a partir das 21:00 horas, ca figura de “Juanito” no cruce da rúa Progreso coa rúa Trasdeza, da man da SIC Iniciativas Culturais.
Alto Infantil a cargo da Escola de xenerais
O sábado 14 de febreiro será o día grande do Entroido da Ulla, con actividades ao longo de toda a xornada na vila da Bandeira.
Así o desfile partirá as 16:00 horas dende o auditorio Manuel Dopazo, encabezado polos Xenerais e correos cos seus tradicionais “Vivas” ao longo da rúa Ramón de Valenzuela. Ao remate terá lugar o tradicional Alto dos Xenerais, que abrirán un ano máis os nenos e nenas da escola dos Xenerais da Bandeira. A verbena estarán amenizada pola Charanga BB+, o Dúo Pachi Show e DJ Calwin.
As actividades están organizadas dende a Asociación dos Xenerais do Entroido da Bandeira. Durante a velada entregaranse tamén os premios aos mellores grupos, comparsas e disfraces.
En Silleda o sábado 14 volta tamén a pixamada polas rúas (a partir das 13:00 horas).
Domingo de Baldréus
O domingo 15 de febreiro, Silleda celebrará unha nova edición do Domingo de Baldréus, da man de SIC, unha xornada xa consolidada que arrancará coa alborada na Carballeira das Pedrosas, continuará co vermú dos mandís, un xantar popular na praza Juan Salgueiro coa poxa da salazón. Rematado o xantar voltará o pasarrúas dos Baldréus polas principais rúas da vila, (encabezados polos Pequebaldréus da Anpa Raparigos) rematando cunha festa rachada na carpa.
Entroido infantil e peche da programación
A programación continuará o luns 16 de febreiro coa festa infantil de Entroido no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, e o martes 17 de febreiro cunha nova festa infantil en Silleda, con animación, música e xogos, na carpa da praza.
O Entroido despedirase o mércores 18 de febreiro coa Queima do Vello Baldréu, ás 21:00 horas, no Muro de Luz, que volverá acenderse o vindeiro venres día 30 no aparcamento situado en Barrio do Campo.
Desde o Concello de Silleda agradécese o traballo de todos os colectivos que se implican na celebración destas actividades, así como a colaboración da veciñanza e das entidades participantes, destacando o valor destas celebracións para manter vivas as tradicións populares e fomentar a participación social no municipio.
