Silleda, 10 de setembro de 2013. A Xunta de Voceiros celebrada esta mañá para comezar a analizar as alegacións presentadas ao PXOM de Silleda tivo como protagonistas ás reclamacións de veciños e propietarios do casco urbano da Bandeira, onde se presentaron un total de 30 alegacións.
No encontro, no que estiveron presentes técnicos do equipo redactor, da empresa Eptisa, explicouse aos voceiros dos tres grupos de xeito detallado o contido de cada unha das alegacións, así coma os criterios para estimar ou desestimar as apreciacións dos propietarios.
“Foi unha reunión de traballo produtiva na que se expuxeron os motivos polos que se estimaban ou non as alegacións”, sinala o alcalde e responsable de Urbanismo, Manuel Cuíña. Houbo casos de alegacións estimadas na súa totalidade e outros só aceptadas parcialmente.
“Estivemos vendo unha por unha as alegacións presentadas”, comenta Cuíña que avanza que acordaron retomar o calendario de traballo o vindeiro martes día 17, tamén a partir das 10.00 horas, continuando tamén co solo urbano, neste caso coas alegacións referidas a Silleda. Sobre o deseño de crecemento previsto para a capital municipal presentáronse sobre 70 alegacións. “Será de novo unha reunión de traballo intensa, na que todos os voceiros coñeceremos de xeito pormenorizado cómo se informaron as alegacións”, engade Cuíña.
O calendario de traballo continuará despois coas alegacións referidas á zona rural. O prazo de exposición do PXOM de Silleda, que foi aprobado inicialmente en decembro de 2012, rematou o pasado mes de marzo cun total de 738 reclamacións.
Reunións con propietarios
Logo da xuntanza de voceiros, o alcalde e os técnicos de Eptisa continuaron a axenda de traballo con propietarios de Silleda e A Bandeira que teñen terrenos en zonas calificadas como de desenvolvemento.