Silleda, 9 de maio de 2015. Hoxe tivo lugar a presentación do V Festival de Música Tradicional do Concello de Silleda, unha cita xa consolidada no calendario cultural da comarca que ten fixada no Día das Letras Galegas.
Esta quinta edición celebrarase o domingo 17 a partir das 12.00 horas no auditorio da Semana Verde, coa participación de 13 agrupacións.
Actuarán Aires do Trasdeza; Gaiteiros da Pereiriña; o Grupo de Gaitas da Escola de Música Municipal de Silleda; o grupo de Acordeóns da Escola de Música Municipal de Silleda en colaboración co Coro Infantil Musiquiños; as Pandereteiras da Saleta; Os Sin Son Ghaiteiros; Almuiña, de Escuadro; Os Carqueixas; as Pandereteiras A Xariza, de Parada e O Son da Fervenza. Ademais destes once grupos silledenses , (faltan 3 dos 14 existentes no municipio por motivos de axenda, tamén actuará como grupo convidado a Banda de Gaitas do Concello de Forcarei coa Banda de Música Municipal de Silleda, ofrecendo ao público o espectáculo “A Tres Bandas”, con arranxos de Adrián Saavedra.
Este espectáculo foi estrenado recentemente no festival de música tradicional de Soutelo de Montes e creado coa vista posta no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que terá lugar en xullo.
Na presentación participou a acordeonista Rocío Mosquera, unha das impulsoras do festival xunto con outros dous músicos da localidade, Manuel Vidueiros e Manuel Fernández Alén, en colaboración coa Escola de Música de Silleda.
En representación da entidade tamén asistiron Herminio Gómez Frade e Irene Fuentes Castiñeira, xunto co alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Cuiña.
“Que haxa 14 grupos de música tradicional nun só concello non é algo habitual”, resaltou Rocío Mosquera, que explica que o festival xurdiu con idea de xuntar ás distintas formacións e amosar o seu traballo.
Aula tradicional
Dende a Escola de Música, a profesora Irene Fuentes lembrou que o centro conta con unha Aula Tradicional onde se imparten especialidades como gaita, acordeón ou percusión, “pero a idea é seguir medrando e apostar por outros instrumentos”. Precisamente neste festival participarán dous grupos desta aula que incorporan xa novos instrumentos tradicionais.
Así pois este festival continúa tamén a ser unha plataforma para dar a coñecer á canteira musical de Silleda.
O festival tamén ten vocación de medrar e diversificar a súa oferta máis alá das actuacións. Así, Rocío Mosquera explicou na presentación que para o vindeiro ano se tratará de organizar tamén obradoiros, de artesanía ou de baile, entre outras posibilidades, para completar esta xornada cultural.
Dende a organización tamén se agradeceu a colaboración dos nenos e nenas da Escola de Música.
O alcalde, Manuel Cuiña, refrendou o apoio do Concello a este festival “que se convirte nunha proba máis de que Silleda é unha potencia cultural, con máis de unha ducia de grupos tradicionais que tamén seguen a deixar o pavillón ben alto en nome de Silleda alí onde actúan”, engade.
Tamén destacou que este certame aposta por dar a coñecer a novos músicos e animou aos veciños e veciñas a asistir o vindeiro domingo 17 a este festival, “que hoxe está xa plenamente consolidado como unha das grandes citas coa nosa música tradicional”, engade.