Silleda, 27 de novembro de 2017. O Plan Xeral será un dos protagonistas do pleno ordinario que terá lugar este xoves día 30 ás 10:00 horas. Así, abordarase a solicitude de autorización municipal para a cesión do contrato de redacción do planeamento, antes con Eptisa, á entidade Alfonso Botana S.L., dirixida polo profesional que xa se encargou do proxecto.
Así mesmo, na sesión o executivo municipal tamén dara conta á Corproación dun acordo da Xunta de Goberno Local do pasado día 22, para reclamar á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio a aprobación definitiva do Plan Xeral de Silleda, logo de que xa transcorreran 20 meses dende a aprobación provisional, o 18 de marzo de 2016.
No citado acordo lémbrase a tramitación realizada e o último escrito da Dirección Xeral do Territorio, que se recibiu en xullo deste ano e que recolle que para a aprobación definitiva é imprescindible “demostrar a suficiencia de recursos hídricos”, baseándose en sentenzas do Tribunal Supremo e lembrando que se interpreta “de forma estricta o concepto de suficiencia de recursos hídricos para as novas demandas previstas ao equiparalo á dispoñibilidade xurídica acreditada a través do correspondente título administrativo concesional".
Esixense cuestións como a legalización das redes de traídas parroquiais , “algo que resulta máis que complicado tendo en conta o número de núcleos de poboación e que compete ademais a Augas de Galicia, xusto o organismo que o esixe”, indica o alcalde, Manuel Cuiña. Asi mesmo se esixe tamén a legalización das captacións de auga de Silleda e da Bandeira, que levan máis de 50 anos en funcionamento. Neste senso o Concello xa conta cun proxecto dun enxeñeiro técnico que certifica que hai recursos hídricos suficientes para os dous cascos urbanos, e que se encargou nada máis chegar a última comunicación da Xunta.
O rexedor considera que a Xunta “non pode esixir 15 meses despois da aprobación inicial, e con 4 anos previos de trámites, que se acredite esta suficiencia de recursos hídricos, para non aprobar definitivamente o Plan Xeral de Silleda”.
A reclamación ampárase nun informe de Secretaría no que se advirte que mesmo a Lei de Augas do ano 85 da dereito aos Concellos con concesións de augas anteriores a continuar con estes dereitos durante 75 anos máis, co que o dereito das concesións estaría garantido ata 2060.
Proposta de aprobación parcial
Neste senso, o acordo recolle tamén unha proposta para a aprobación parcial do PXOM, que se pode realizar “cando as deficiencias só afecten a determinacións tan concretas que, prescindido delas, o Planeamento se pode aplicar con coherencia”, segundo recolle a normativa.
“Non é loxico que un 20 meses despois da aprobación inicial e decirnos que todo estaba correcto sigan dando voltas. Pedimos en primeiro lugar a aprobación inmediata, e en segundo lugar, e xa que consideramos que nos ampara o dereito das concesións ata o ano 2060 a posible aprobación parcial”, engade o alcalde.
Cuiña tamén advirte que as sentenzas do Supremo nas que se baseou a Xunta para tumbar os planemantos de municipios como Verín, non son “aplicables no caso de Silleda, xa que ademais de influir outros motivos, non só os referentes aos recursos hídricos, aquí non temos deseñadas grandes urbanizacións ás que haxa que garantir auga”, engade.
Licitación do SAF
Por outra banda tamén se someterá a aprobación do pleno o prego de cláusulas administrativas e a convocatoria para contratar o Servizo de Axuda no Fogar, transcorridos os dous anos do contrato anterior.