O goberno logra outro acordo beneficioso: o pago da débeda co BSCH pasa de 360.000 a 178.000 euros

 

Silleda, 23 de xaneiro de 2013.  O goberno municipal de Silleda vén de alcanzar un importante acordo para zanxar a débeda co BSCH, entidade que iniciou un pleito hai xa varios anos para reclamar o pago dun crédito solicitado xa na época de Juan Salgueiro como alcalde.

O acordo supón rebaixar a débeda total de 360.239 (cantidade que inclúe tamén intereses de demora e costas procesais) ata os 178.000 euros. “Cremos que se trata dun convenio moi beneficioso para as arcas municipais de Silleda, e sobre todo tendo en conta que fomos quen de zanxar, dunha vez por todas, este frente”, sinala a alcaldesa, Paula Fernández Pena, que negociou nos últimos meses coa entidade Prime Credit, que asumiu no seu día a débeda da citada entidade bancaria.

A negociación rematou logrando un considerable aforro para as arcas municipais. Así, dos 360.239,51 euros que se lle debían ao Banco Santander Central Hispano (BSCH), como confirma a sentenza xudicial, a débeda pendente pasou a quedar, logo das negociacións, en 178.914,84 euros, ao renunciar a empresa ao cobro dos intereses.

“Lamentablemente, ao igual que acontece con outras sentenzas por impago contra este Concello outros gobernantes deixaron que os intereses de demora seguirán correndo de xeito vergoñento”, advirte Paula Fernández. A débeda principal ascendía a 178.914,84 euros (xa se pagaran no ano 2011, a cantidade de 12.000 euros), mentras que os intereses e as costas deste pleito se  situaban en 181.324,67 euros.

O acordo pasa por fraccionar esta cantidade pendente en tres pagos. O Concello vén de abonar 70.000 euros á empresa Prime Credit e a cantidade restante abonarase, según recolle o acordo noutros dous prazos, en  xaneiro de 2014 (70.000 euros) e en xaneiro de 2015 (38.914,84 euros).

Antecedentes: Crédito refinanciado no ano 2000

No ano 2008, o BSCH presentou un contencioso contra o Concello de Silleda por impago dun préstamo. Este crédito fora solicitado no ano 1997 polo goberno municipal, entonces presidido por Juan Salgueiro, para financiar obras municipais. Tres anos despois, o executivo do popular José Fernández Viéitez acordou en solitario, no pleno do 27 de xullo de 2000, refinanciar ese préstamo, por importe de 35 millóns das antigas pesetas.

Cando chegou a demanda estaba precisamente gobernando Paula Fernández, que nada máis enterarse da débeda iniciou, xa daquela, negociacións co BSCH. Así mesmo, tamén se presentaron alegacións ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), para que o proceso se pasara á vía civil, reclamación que foi atendida.  “Antes da moción de censura tiñamos incluso un preacordo para zanxar esta débeda co BSCH”, sinala Paula Fernández Pena.

 

 

 

O pasado 17 de decembro, o Xulgado de Primeira Instancia de Lalín emitiu sentenza na que se estima a demanda de Prime Credit e se condena ao Concello de Silleda ao pago da débeda.

Paula Fernández dará conta deste acordo no vindeiro pleno ordinario do xoves día 31. O executivo de Fernández Pena tamén conseguiu acordos con Urbaser, e empresas silledenses coma Indeza ou Sangiao. “Esa foi a liña que marcamos para atallar débedas e asumir sentenzas, o de dar prioridade a aqueles que fagan quitas. Ademais, hai que ter en conta que aqueles acreedores cos que conveníamos os pagos, tamén cobran antes”, sinala Paula Fernández.

A alcaldesa remarca que no caso do BSCH, “é un bo acordo pero por desgraza aínda temos outras sentenzas pendentes, que seguen ahí, coma a espada de Damocles sobre as contas municipais”, di a alcaldesa. Dende o goberno silledense advírtese que están a punto de sair outras dúas sentenzas condenatorias por impago, herdadas doutros gobernos, como son as de Sogama (con máis de 450.000 euros) e a de Indeza, por importe de 300.000 euros.