Silleda, 15 de setembro de 2015. O goberno municipal de Silleda vén de iniciar hoxe o proceso para elixir o deseño do que será o futuro Centro de Día Residencial para maiores. Logo de solicitar propostas o pasado mes de xullo a varios arquitectos/as, recibíronse un total de 7 propostas.
Para contar con maior información e explicar as distintas iniciativas, dende o Concello convocouse aos arquitectos/as participantes para explicar cadansúa proposta.
Así, hoxe o primeiro grupo de aspirantes, con 4 profesionais do municipio (Alfonso Pájaro, Natalia Campos, Abraham Castro e os irmáns Pereiras Corzón, Martín e David) fixo unha exposición ante os membros do goberno municipal e técnicos municipais.
“A vindeira semana convocaremos aos tres profesionais que faltan para que nos expliquen tamén os seus proxectos”, indica o alcalde e responsable de Urbanismo, Manuel Cuiña.
Unha vez que rematen as exposicións o goberno realizará a valoración das propostas para elixir a que mellor se axusta ao proxecto.
Entre as propostas figuran deseños innovadores, de corte case vangardista e outros con liñas máis clásicas, e en todos os casos con proxectos que teñen a conta a premisa de poder acoller nun futuro posibles ampliacións.
Esta actuación é a gran prioridade do goberno municipal e figura xa no orzamento municipal deste ano, con unha partida de 250.000 euros para iniciar as obras.
O edificio tería inicialmente entre 15 e 20 prazas residenciais, ampliables nun futuro, ademais de ser Centro de Día.
A residencia construirase na finca situada no recinto feiral de Silleda, fronte ao hotel Vía Argentum, con máis de 8.000 metros cadrados e que adquiriu o Concello en virtude do convenio de compensación de débedas entre a Administración Local e a Fundación Semana Verde.
Aos 250.000 euros da partida orzamentaria, sumaranse outros 200.000 euros froito da doazón comprometida polo empresario D. Avelino Ramos.