O grupo de goberno socialista do Concello de Silleda e o Bloque Nacionalista Galego veñen de asinar un acordo clave que permitirá atender as necesidades prioritarias tanto no rural como no núcleo urbano do municipio. Este acordo céntrase en dúas liñas principais de actuación: a mellora das infraestruturas municipais e a planificación do orzamento para o próximo exercicio.
O acordo inclúe elevar ao pleno municipal a solicitude dun crédito por valor de 1.750.000 euros, que se abonará anualmente con cargo aos remanentes do Concello. Este investimento permitirá a mellora de case 20 quilómetros de pistas municipais, beneficiando 18 núcleos rurais con actuacións centradas na mellora de camiños de acceso a nucleos rurais e ás vivendas que garantirán á súa vez un mellor servizo para a veciñanza e contribuirán ao desenvolvemento e á conectividade do rural.
Tamén se acordou incorporar ao orzamento deste ano un suplemento de 370.000 euros procedente da participación nos tributos do Estado (PIE) do ano 2022. Este importe destinarase a cubrir os custos adicionais da subministración eléctrica e da recollida do lixo acumulados nos anos 2023 e 2024, así como a financiar dúas actuacións clave no núcleo urbano. Por unha banda, construiranse marquesiñas na Praza Benito Rivas, para que as nenas e nenos que acoden ao CEIP Plurilingüe de Silleda dispoñan dun espazo cuberto e seguro. Por outra banda, realizaranse melloras na seguridade viaria da Praza Mestre Mateo, implementando medidas que reduzan a velocidade dos vehículos e protexan ás persoas, especialmente ás máis novas.
As dúas forzas políticas tamén acordaron colaborar na elaboración do orzamento municipal para o ano 2025, priorizando as necesidades detectadas tanto no rural como no núcleo urbano. Este traballo conxunto permitirá consensuar as prioridades para o próximo exercicio e garantir unha planificación axustada ás demandas reais da veciñanza. Ademais, acordouse realizar unha revisión conxunta anual das pistas municipais que serán obxecto de asfaltados nos próximos anos.
As dúas cuestións serán abordadas nun pleno extraordinario e urxente previsto para o vindeiro venres día 15.
Este acordo responde exclusivamente ás necesidades reais e urxentes identificadas no territorio e reflicte o compromiso de ambas forzas políticas progresistas coa veciñanza de Silleda. A colaboración acadada permitirá mellorar os servizos municipais, reforzar a seguridade no núcleo urbano e atender as demandas do rural, consolidando unha xestión que pon á cidadanía no centro das decisión.