O goberno municipal leva a Pleno un orzamento histórico para Silleda con previsión de superávit de 396.327,10 euros

Silleda, 20 de setembro de 2014. O goberno municipal levará ao pleno ordinario do vindeiro xoves día 25 o orzamento municipal de 2014, que por primeira vez na historia de Silleda arroxa superávit. Así, e en cifras globais, o orzamento de gastos sitúase en 5.808.695 euros, mentras que o de ingresos é de 6.205.022,14 euros.

“Ata o de agora o documento sempre se deseñou de maneira equilibrada, cadrando gastos e ingresos, pero cremos que se debe de facer un esforzo no aforro, seguindo a liña dos últimos anos, para rematar dunha vez por todas co remanente negativo”, sinala o alcalde e responsable de Facenda, Manuel Cuíña.

O superávit previsto, de 396.327,10 euros, é a mesma cantidade que o remanente negativo de tesourería do último exercicio, “que agora imos eliminar”, engade o alcalde implicando que esta previsión “implica seguir apretando o cinto, continuando cas políticas de aforro que iniciamos e que agora están a dar  tan bo resultado”. Cuíña lembra que o pasado ano o remanente de tesourería redúxose a metade, pasado de 600.000 a algo máis de 300.000 euros.

O aumento significativo no montante global das contas, -xa que o orzamento de 2013 se situou en 4,7 millóns de euros- está marcado tamén pola altura do exercicio, xa que a día de hoxe se coñecen con exactitude distintos ingresos e gastos.

Ingresos

No tocante aos ingresos, a prudencia e o rigor económico volven a marcar as contas de Silleda. Así, por exemplo en impostos directos (IBI, IVTM, IAE e BICES) prevese recaudar 1.726.217,85 euros, un dato que tamén se basea na liquidación do último orzamento.Por impostos indirectos (Icio) a previsión sube lixeiramente respecto a 2013, calculando uns ingresos de 40.000 euros (o ano pasado estimáronse 35.000 euros).

Por taxas, prezos públicos e outros ingresos a cantidade increméntase pasando de 513.000 euros a 1.312.437,65 euros. Este aumento significativo da partida consignada débese non só ao aumento das taxas de lixo aplicado este ano (consignáronse 368.225 euros), senon tamén a que por primeira vez –a diferencia de anos anteriores- se inclúen no orzamento municipal as taxas por abastecemento de auga (417.500 euros) e saneamento (175.000 euros). Nesta partida inclúense tamén as taxas do Servizo de Axuda no Fogar, Canguraxe, ocupación de dominio público e as da Escola de Música. Agás no caso da taxa por recollida de lixo, non se modicaron os tipos impositivos.

No capítulo 4, de transferencias correntes, recóllense os ingresos ordinarios de Xunta e Deputación (Plan Concertado de Servizos Sociais, Programas de asistencia social, Plan de Cooperación…), así como a Participación nos Tributos do Estado. A partida ascende a 2.562.026,30 euros, cantidade moi similar a do ano pasado, incluindo cantidades fixas xa recoñecidas polas Administracións supramunicipais.

Gastos

No referente ao capítulo de gastos, para Persoal resérvanse 2.028.552, 55 euros, na mesma liña que en anos anteriores. “Esta partida supón o 35% do orzamento, o que indica que continuamos na boa dirección”, apunta o alcalde.

Para gastos correntes e bens de servizos resérvanse 2.610.249,29 euros (o 38% do orzamento). Neste apartado hai que reseñar que continúa prevéndose déficit en servizos como a recollida de lixo, xa que pese ao incremento das taxas (o padrón sitúase agora en 408.139,48 euros) o custe do servizo segue a ser superior (434.000 euros). No resto dos servizos manténse a tónica dos últimos anos, coa contención do gasto como filosofía principal. Ao igual que no capítulo de taxas, nesta partida de gastos tamén se incluén por primeira vez os relativos ao servizo de abastecemento e saneamento de auga.

No tocante a transferencias ordinarias (160.541,26 euros) mantéñense as cuantías de subvencións a entidades para actividades culturais e deportivas, asociacións, festas e grupos políticos.

Máis de 600.000 euros en inversións

Manuel Cuíña destaca o aumento na partida de inversións reais, que pasa de 126.948,81 a 653.871,53 euros. “Pese a ter que continuar facendo fronte a sentezas por débedas atrasadas que siguen supoñendo un lastre para este Concello, continuamos mantendo inalterables todos os servizos e logramos incrementar os recursos destinados a inversións”, engade.Na lista de actuacións figuran os proxectos para a creación de espazos biosaudables en 16 parroquias, melloras en infraestruturas deportivas (cuberta pistas O Castro, alumeado no campo de fútbol da Bandeira, acondicionamento pavillón da Bandeira, punto deportivo xuvenil das Pedrosas); a mellora de todo o viario do polígono Área 33, creación dunha aula de informática itinerante e mellora e acondicionamento de distintos viais, entre outros.

O goberno municipal non ten previsto recurrir a ningún crédito para financiar inversións. A carga financieira para 2014 sitúase en 343.480 euros, para a amortización de préstamos anteriores, xuros e o préstamo do ICO para dar cumprimento ao plan de axuste.

A débeda viva bancaria continúa baixando pasando dos 3.291.040 euros de decembro de 2013 aos 3.065.534 que se prevén ter a 31 de decembro de este ano.

“Estes orzamentos cumpren coa regra de gasto e o principio de estabilidade orzamentaria, así como as directrices do Plan de Axuste, que aprobou o Pleno en marzo do ano 2012”, engade Cuíña.

Boas perspectivas

“Con estes orzamentos poñemos sobre a mesa unha situación de razoables perspectivas. Os ingresos permiten pagar os gastos fixos e acometer novas inversións”, indica Cuíña que advirte que este documento “marcará un punto de inflexión cara a estabilidade económica municipal “froito do esforzo que fixemos nos últimos anos, coa contención do gasto como principal filosofía”.

O alcalde advirte “que haberá quen teña que dar explicacións porque como xa demostramos no que vai de lexislatura é posible manter servizos e pagar facturas cos cartos que esta Administración ingresa”, engade. Cuiña considera que estes orzamentos están “na boa dirección para conseguir que Silleda deixe de ter o estigma da débeda”.

Recalca que o documento que se levará a pleno para a aprobación provisional “está feito con datos axustados á realidade e coa mesma filosofía que vimos seguindo: non gastar máis do que temos”, engade.