Silleda, 25 de xaneiro de 2020. O executivo municipal de Silleda levará ao pleno ordinario do vindeiro xoves a aprobación das bases que regularán a concesión de subvencións para actividades culturais e deportivas así como as de participación social e /ou veciñal para este ano 2020.
En total, a cantidade que se destina a estas tres liñas de axuda é de 98.100 euros, cantidade que se ampliou en 2017 aumentando nun 30% os fondos municipais destinados a axudar aos colectivos.
As bases son similares ás do ano 2019, cando se outorgaron un total de 45 subvencións.
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes (días naturais) contado a partir do día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra. Ningunha entidade poderán concorrer a máis de unha liña de subvención.
Como xa vén sendo habitual, toda a documentación e anexos a presentar poderá descargarse da web municipal e estará tamén disponible nas dependencias municipais.
En canto ás axudas para a realización de actividades de mantemento de asociacións culturais e realización de actividades culturais, a partida correspondente é de 58.000 euros. Poderán concorrer as asociacións culturais que estén inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións para financiar gastos de actividades ao longo do presente ano.
Entre os criterios a ter en conta figuran os relacionados coas asociacións (número de socios, antigüidade, continuidade da traxectoria dende a súa creación); coas actividades (interese cultural, numero de actividades realizadas ao longo do ano, fomento da cultura no colectivo infantil…)
Terán tamén ao igual que nos últimos anos consideración especial os colectivos ou asociacións que precisen de directores especializados para desenvolver as súas actividades.
No caso das deportivas, a contía é de 35.000 euros. . Neste caso valorarase o fomento do deporte base, o mantemento das instalacións deportivas, o número de participantes directos ou indirectos nas actividades, o interese xeral da actividade, e o número de deportistas federados, así coma o deporte feminino.
A terceira das liñas, a de subvencións para a realización de actividades de promoción da Participación Social e/ou Veciñal tamén está destinada ás asociacións inscritas no rexistro municipal. Teránse en conta criterios como a antigüidade da asociación veciñal, o interese xeral da actividade ou o fomento da participación.
Xustificación, ata novembro
Nos tres casos, o prazo para xustificar debidamente as axudas concedidas (presentando en cada caso a documentación requerida) remata o vindeiro 15 de novembro, se ben as entidades que así o estimen poderán solicitar unha prórroga que se aceptará se está debidamente xustificada.
O alcalde, Manuel Cuiña, tamén destaca que un ano máis a convocatoria volve realizarse a principios da anualidade a fin de dar máis facilidades ás entidades solicitantes.