Durante o mes de outubro, a actividade permanecerá aberta para todas aquelas persoas que queiran sumarse ao proxecto
Os actores profesionais Carmen Facorro e Javier Castiñeira, creadores de Amorodio Teatro, serán os encargados de guiar os ensaios e dirixir as obras
O grupo Enredos Teatro comeza mañá mércores 2 de outubro o seu proceso de ensaios no auditorio Manuel Dopazo. Durante o mes de outubro, a actividade permanecerá aberta para todas aquelas persoas que queiran sumarse ao proxecto, que xa conta cunha ducia de artistas e suma dous anos de traxectoria con actuacións pola comarca do Deza-Tabeirós.
As clases desenvolveranse todos os mércores de 19:00 a 21:00 horas no auditorio de A Bandeira.
Enredos Teatro, que xa actuou en escenarios de Bandeira, Silleda, Portas e na emblemática Festa da Empanada, seguirá este ano baixo a dirección dos actores profesionais Carmen Facorro e Javier Castiñeira, creadores de Amorodio Teatro. Por segundo ano consecutivo, serán os encargados de guiar os ensaios e dirixir as obras que o grupo levará a escena ao longo do curso.
Esta iniciativa cultural ofrece unha gran oportunidade a todas as persoas interesadas en descubrir ou profundar no mundo do teatro, nun espazo de creación e aprendizaxe colectiva.