Silleda, 27 de xaneiro de 2017. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o presidente da Cámara Municipal de Paredes de Coura (Portugal) Vítor Paulo Gomes, mantiveron hoxe un encontro de traballo na sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal , en Vigo , para avanzar sobre o irmandamento de ámbalas dúas localidades.
Esta reunión, logo da visita cursada polo rexedor silledense ao municipio de Paredes de Coura en xullo do pasado ano, sirveu para detallar os puntos comúns que rexerán as actuacións conxuntas para o desenvolvemento estratéxico das dúas localidades a través de proxectos europeos, entre outras accións.
“Foi unha reunión de traballo moi productiva, xa que non só establecemenos intereses e características comúns senon que tamén avanzamos de cara a futuras actividades que redundarán finalmente en beneficios para os nosos veciños e veciñas”, indica Cuiña.
No encontro ao que tamén asistiron o tenente de alcalde de Silleda, Klaus Brey, e o vicepresidente da Cámara de Paredes de Coura, Tiago Manuel Pereira, así como María Geraldes, directora da AECT Galicia-Norte de Portugal , e o secretario deste organismo, Xosé Lago, acordouse fixar para as vindeiras semanas a visita dos representantes municipais e técnicos de Paredes a Silleda e avanzouse nas bases que rexirán o proxecto común. O intercambio empresarial, o desenvolvemento do sector agrogandeiro, ou o patrimonio cultural e musical son algúns dos ámbitos que presidirán a proposta de irmandamento.
Participación na Semana Verde
Así mesmo, tamén se abordou a posibilidade de que o municipio luso esté presente na vindeira edición da Feira Internacional Semana Verde de Galicia e que, do mesmo xeito, Silleda tamén participe na Feira de Mostras de Produtos Regionais do Alto Minho.
Ademais das propostas a nivel sectorial con este irmandamento –que deberá aprobarse no Pleno- os dous municipios optarán tamén á participación en programas europeos como Europa con los Ciudadanos, á que Silleda xa se presenta este ano como socio de Caneján (municipio francés co que se ratificará o irmandamento en agosto), Espazo Atlántico (programa ao que xa concorreron xunto con outros países o pasado ano) ou Erasmus Plus , para o intercambio de mozos e mozas de 17 a 30 anos, entre outros.
Camiño Portugués e escola agraria
Situado no distrito de Viana do Castelo, Paredes de Coura conta con preto de 9.000 habitantes, igual que Silleda, e un grande peso do sector primario na súa economía, -de marcado carácter rural- feito do que da conta a existencia da Escola Agraria, pertencente ao Instituto Politécnico de Valença. O ruta a Compostela (por alí discorre o Camiño Portugués), a presenza de edificios románicos ou as zonas de paisaxe protexida son outros dos nexos en común entre as dúas localidades, ao igual que a formación e tradición musical. Así Paredes de Coura conta cunha escola de música rock.
Este municipio, tamén coñecido por albergar o coñecido festival de música alternativa, está irmandado con Cenom (Francia) dende 2008.
“Cremos que temos moitas cousas en común que podemos aproveitar para un proxecto fructífero”, engade Manuel Cuiña, que agradece tamén a colaboración da AECT Galicia-Norte de Portugal, organismo dinamizador e de interconexión para a Eurorrexión que nesta ocasión foi o punto de encontro entre as dúas institucións.