Esta iniciativa municipal de conciliación familiar durante as vacacións de verán beneficiará a 83 menores de Silleda e 51 da Bandeira
O vindeiro luns 24 de xuño comezarán as actividades do campamento de verán do Servizo Lúdico Educativo, que xorde coma medida de conciliación familiar durante a época estival. Coma outros anos, o campamento realizarase nas instalacións do CEIP Plurilingüe de Silleda e no CEIP Ramón de Valenzuela de Bandeira.
En Silleda, en total 63 familias solicitaron o servizo, sendo 83 os menores participantes. Comezará o luns 24 e rematará o vindeiro martes 10 de setembro, coincidindo así coas vacacións escolares. O horario será de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h.
No caso da Bandeira, houbo un total de 41 familias que solicitaron o servizo, sendo 51 menores participantes. Con respecto ás datas e horarios, apesar de que se ofertou tamén para os meses de xuño e setembro, non se cubriron as prazas requeridas. Deste xeito, só se levará a cabo en xullo e agosto, dende o luns 1 de xullo ata o venres 30 de agosto.
Cabe destacar que todas as solicitudes foron estimadas, dando así servizo a todas as familias que o solicitaron. Actualmente non hai ningunha persoa menor en lista de agarda. A pesar de que rematou o prazo de inscrición, se algunha familia precisa do servizo, pode solicitalo entregando a documentación requerida e, de haber prazas, a petición será estimada, xa que todos os anos é habitual que se produzan altas e baixas neste servizo de conciliación para as familias silledenses.