Silleda, 9 de maio de 2015. Pasado mañá luns está previsto que den comezo os traballos de mellora do alumeado no primeiro tramo da rúa Trasdeza. Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse a sinatura do contrato coa empresa que resultou adxudicataria dos traballos, Galega de Técnicas e Investimentos, por un importe de 48.759 euros.
Trátase da renovación das luminarias no primeiro tramo da Rúa Trasdeza, en plena N-525 (dende o restaurante A Culler ata a altura do consistorio).
As 17 farolas actuais serán substituídas por outras novas, de maior altura e con luminarias de tecnoloxía LED, con maior calidade lumínica e un considerable aforro no consumo enerxético. Ademais ampliarase o número de puntos de luz, pasando de 17 a 19 en total, con dúas novas instalacións.
“Trátase de unha das zonas urbanas peor iluminadas a día de hoxe. E tendo en conta ademais que é a principal entrada á localidade, cremos que é un proxecto prioritario que mellorará moitísimo este tramo”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
Esta actuación financiarase a través da cantidade que lle correponde ao Concello de Silleda polo Fondo de Compensación Ambiental (contrapartida para os municipios pola instalación de parques eólicos) e con con fondos municipais.
Apertura de plicas
Por outra banda na mesma sesión da Xunta de Goberno tamén se procedeu á apertura das plicas presentadas ao proceso de licitación dos proxecto de mellora e eficiencia enerxética en 4 rúas de Silleda (con unha inversión de 120.000 euros) e o proxecto de mellora da rúa Lavadoiro e praza Camilo José Cela da Bandeira. A adxudicación destas dúas obras está pendente dos informes técnicos correspondentes para avaliar as melloras de cada unha das ofertas.