Silleda, 23 de novembro de 2016. A Concellería de Comercio e Industria, que dirixe Ana Luisa González, ven de convocar aos comerciantes do municipio a unha sesión informativa que se celebrará o vindeiro mércores día 30 na Casa da Cultura de Silleda ás 20:30 horas.
Nesta xornada abordaránse distintas cuestións relacionadas co desenvolvemento e melloras do comercio local.
Así, presentaránse os datos da enquisa realizada polo alumnado do Ciclo Superior de Márketing e Xestión Comercial do IES Pintor Colmeiro, e terá lugar unha sesión informativa baixo o título “Cómo dinamizar o noso comercio”. Serán os propios alumnos e alumnas que realizaron o traballo os que presenten aos membros do sector os datos recabados.
“Nesta convocatoria que consideramos de grande interese para todos os comerciantes de Silleda trataremos de abordar distintas cuestións para dinamizar o sector”, indica a concelleira Ana Luisa González, que explica que “ademais de informar aos representantes do comercio local sobre os datos que arroxan as enquisas tamén daremos a coñecer un vídeo que elaboramos a fin de concienciarnos sobre a importancia de apoiar o comercio de proximidade e contaremos coa presenza dun experto que nos falará de distintas cuestións para mellorar o posicionamento dos comercios”, engade.
Na sesión intervirá Agustín Pérez , cun amplo currículo , e con experiencia na xerencia de asociacións empresariais vencelladas a comercio e turismo (acadou, entre outros recoñecementos a Mención Honorífica nos Premios Nacionais de Comercio 2013). Falará sobre cuestións coma a comercialización on-line, a importancia de traballar conxuntamente ou a innovación no comercio, entre outros.
Tamén intervirán a propia concelleira e por parte de ECOS, Alberto López Iglesias. Ámbolos dous mantiveron hoxe unha reunión no Concello para preparar o encontro do vindeiro mércores.
Silleda Agasalla
Por outra banda, a Concellería de Normalización Lingüística, vén de poñer en marcha un ano máis o certame Silledagasalla, unha iniciativa que se estrenou en 2014 ano dentro da campaña de Nadal cun grande éxito.
Trátase dunha actividade realizada en colaboración cos centros educativos e o sector do comercio de Silleda.
Con este certame, para o fomento da lingua galega elixiranse os lemas máis orixinais que logo se repartirán entre os comercios para acompañar os agasallos de Nadal dos clientes.
Trátase de que o alumnado aporte lemas en galego relacionados coas datas de Nadal. Estes lemas serán logo editados polo Concello de Silleda, convertíndoos en pegatinas de felicitación que serán repartidas a aqueles comercios do municipio de Silleda, que así o soliciten, para a decoración dos agasallos de Nadal. Os comercios que queiran contar con estas pegatinas deben de inscribirse no Concello (chamando ao 986 580000) antes do día 2 de decembro.
Por outra banda os centros educativos teñen de prazo ata o 1 de decembro para aportar os lemas do alumnado.