O mosteiro de Carboeiro acolle a exposición A Escola Rural, da Casa do Patrón

 

 Silleda, 18 de xaneiro de 2013. As dependendencias do mosteiro de Carboeiro acollen estes días unha mostra que reproduce unha escola tradicional do rural de mediados do século pasado (1940-1950), onde o público pode ver varios pupitres de distintas escolas, o encerado, a mesa e cadeira do profesor, así como diverso material escolar da época: mapas, libros, pizarras, pizarríns, cadernos,….

Estas pezas pertencen á  Casa do Patrón de Doade (Lalín),  un Museo Etnográfico que conta con máis de 2000m2 distribuídos en tres edificios, onde se expoñen máis de 3.500 pezas recollidas por toda a xeografía galega.

O Museo conta con trece salas de exposición organizadas por temáticas, onde se poden observar máis de 85 oficios tradicionais, moitos deles xa desaparecidos.

Esta exposición é froito de convenio de colaboración asinado recentemente entre a Concellaría de Cultura e Turismo do Concello de Silleda e a Casa-Museo de Codeseda, na parroquia lalinense de Doade, para a promoción e divulgación dos recursos culturais e turísticos da comarca do Deza.