Silleda, 31 de agosto de 2015. A sala de exposicións do mosteiro de Carboeiro acollerá dende o vindeiro sábado día 12 a mostra fotográfica “As Pontes do Ulla”, da asociación cultural Raiceiros, de San Miguel de Sarandón, cedida polo Concello de Vedra.
Esta mostra vén a complementar o libro homónimo do colectivo, sobre un traballo realizado durantes os anos 2012 e 2013. Trátase dun percorrido dende o nacemento do río en Olveda (Antas de Ulla) ata a súa desembocadura na ría de Arousa. Este traballo documentou un total de 71 pontes.
A inauguración desta mostra coincide coa celebración no noso municipio do roteiro de Goza do Ulla, que se celebrará entre Cira e San Miguel de Castro (xa en territorio da Estrada) o sábado día 12. Os concellos de Vedra e Silleda forman parte do programa Goza do Ulla, ao igual que do grupo Área de Santiago. Froito desta colaboración é tamén a presenza da mostra “Os xenerais da Ulla”, instalada nas dependencias monacais de Carboeiro dende o pasado mes de marzo.
Así o Ulla figura como fío conductor desta mostra, con textos e fotografías do xornalista e investigador etnográfico Henrique Neira.
A Asociación Raiceiros estivo traballando en 2012 e 2013 neste proxecto, que xa deu como froito un libro. A mostra é complementaria do libro e amosa en 16 paneis dun xeito máis resumido imaxes e información sobre as máis de setenta pontes, pontellas e pasos que cruzan o río Ulla desde o seu nacemento en Olveda (Antas de Ulla) ata o viaduto do tren de alta velocidade entre Catoira e Rianxo.
O río Ulla é o segundo curso fluvial galego en extensión. Nace en Olveda e desemboca no océano Atlántico a través da ría de Arousa, tras percorrer máis de cen quilómetros por Galicia adiante. Os seus afluentes máis importantes son o Deza, o Arnego, o Sar e o Iso. Ten unha conca de 2.804 quilómetros cadrados, a segunda máis importante de Gali- cia despois da do río Miño, e no seu curso medio encóntrase o encoro de Portodemouros. Salmón, troita, anguía e lamprea son algunhas das especies piscícolas máis importantes que viven nas súas augas.
É todo un símbolo paisaxístico, cultural e económico para o país e moitas pontes que o cruzan atesouran séculos de historia nas súas pedras. Unha inscrición en latín do ano 862 é o resto máis antigo dunha ponte sobre o Ulla que se puido atopar ata o de agora: trátase dun texto gravado nunha pedra na que se conmemoraba a apertura da Ponte Mourazos, entre Santiso e Agolada, e que hoxe en día só se pode ver cando o río leva pouca auga. A ponte máis recente é a do AVE entre Catoira e Rianxo. Este viaduto, aínda en construción, ten 60 metros de altura e 1.620 metros de lonxitude para atravesar o Ulla.
Sobre Raiceiros
A asociación Raiceiros compoñémola un grupo de persoas que temos en común o interese pola cultura popular galega, pola promoción do patrimonio material e inmaterial e polo encontro coa tradición e as xentes. Identifícannos, sobre todo, na comarca da Ulla, porque investigamos a historia e rescatamos a memoria colectiva destas terras desde os nosos inicios.
Desde 2001, no que nacemos, ata hoxe en día, fomos creando proxectos que serven para inmortalizar costumes, recordos, músicas, momentos, que forman parte da nosa cultura e identidade como pobo. De feito, foi a música o motivo da nosa existencia. Investigamos un instrumento musical, unha frauta traveseira que se empregaba desde o século XIX na Ulla: a requinta. Froito deste primeiro proxecto foi o documental ‘Requinteiros. Músicos da Ulla’.
Andando o tempo, estudamos tamén as características principais desta bisbarra a través da guía ‘O Val do Ulla. Unha comarca natural’. E coñecemos a importancia para a comarca que tivo a creación do viaduto da liña de ferrocarril Zamora-A Coruña sobre o río Ulla, o do Gundián; iso levounos a preparar unha exposición e un libro co título ‘Gundián. Un achegamento a unha paisaxe natural e humana’.
Logo recompilamos máis de 700 coplas e cántigas que se contan e cantan na Ulla, nun proxecto que incluíu a creación dunha mostra e a publicación dos libros ‘Cántigas da Ulla’ e ‘Coplas ulláns’.
En calquera dos nosos proxectos, A Ulla e o río Ulla están presentes. Neste proxecto que presentamos agora, moito máis. ‘As pontes do río Ulla. Natureza e cultura’ constitúe un soporte indeleble que axuda á valorización do río como un recurso natural, social, cultural e turístico. Promóvese así a preservación do seu valor para as vindeiras xeracións.
A Asociación Raiceiros dispuxo dunha axuda da Deputación da Coruña para preparar tanto o libro coma a exposición.