O mosteiro de Carboeiro acolle o sábado día 12 un concerto da orquestra e coro do curso Tamara Brooks

Silleda, 7 de agosto de 2017.  O vindeiro sábado día 12 a música clásica volta á igrexa do mosteiro de Carboeiro. A cita enmárcase dentro do prestixioso curso de de verán “Tamara Brooks” que se está a celebrar na localidade de Tui dende o pasado día 2.

O concerto de música clásica reunirá a preto de medio centenar de alumnos/as e profesores do 28 Curso de Verán de Dirección, Canto, Coro e Orquestra. A cita será ás 20:30 horas, con entrada de balde.

Este curso de verán, que dende o ano pasado toma o nome da prestixiosa directora de orquestra estadounidense falecida en 2012, conta nesta vixésimo oitava edición coa participación de destacados directores.

Así están presentes Irene Gómez-Calado, afincada en Francia, e que entre outros é directora da filármonica Grands Écoles, entre outros, o prestixioso director Fernando Malvar-Ruiz, director do coro infantil American Boychoir, e Julio Domínguez, director do coro de música clásica Camerata ad Libitum, que organiza este curso.  Ao piano/órgano estará Rasa Biveineniene-Jakutyte.

 

“Unha vez máis o mosteiro de Carboeiro e a súa beleza volverán a fundirse coa música clásica grazas a este concerto”, sinala a concelleira de Cultura Ana Luisa González, que agradece aos organizadores do curso que elixiran o mosteiro silledense para un dos seus concertos deste ano.

O 28 curso Tamara Brooks comezou o pasado 2 de agosto en Tui e continuará ata o vindeiro luns 14 coa celebración de clases e distintos concertos.

Dende o Concello convídase tanto ás formacións musicais e corais coma aos veciños en xeral a asistir a este concerto, “no que contaremos coa presenza de destacados músicos e directores”, engade.