Silleda, 30 de xaneiro de 2015. O pasado 2014 foi un ano de extraordinaria afluencia de visitantes ao mosteiro románico de Carboeiro. O cómputo total do exercicio sitúase en 16.117 persoas, unha cifra de récord absoluto ata o momento.
Estes datos supoñen un considerable aumento respecto ao ano 2013, cando o total de visitas se situou en 13.584, co que o incremento foi de 2533 persoas máis.
Tomando como referencia o ano 2012, o incremento é aínda maior, con 3.157 visitas máis (daquela o balance anual foi de 12.960 persoas).
A media diaria de visitas, con 50 entradas, tamén da conta da extraordinariedade de 2014 (en 2013 a media situouse en 13 persoas). O incremento de visitas en grupos e de excursións, sobre todo fora da época estival, está tamén detrás deste considerable aumento.
“Estes datos reflexan a gran capacidade do mosteiro de Carboeiro que segue a ser o buque insignia no plano turístico de Silleda e tamén un dos monumentos máis visitados da comarca do Deza”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, destacando a evolución e a elevada afluenza de visitantes nos últimos tres anos.
Estes datos foron recollidos nos controis realizados polos/as guías do punto de información turístico, sito precisamente no mosteiro, empregando distintas enquisas, e con pouco marxe de erro respecto ás entradas rexistradas.
A celebración de exposicións e de outras actividades complementarias tamén contribuiu ao longo do pasado ano a reforzar as visitas á xoia do románico oxival e ao seu entorno. Mostras fotográficas e etnográficas, a gravación do videoclip de Enrique Iglesias ou o concerto solidario de gons foron algunhas delas.
Dende o departamento municipal de Turismo, que dirixe Margarita Campos, véñense realizando tamén nos últimos meses distintas actuacións para mellorar precisamente o acceso dos milleiros de persoas que se achegan ata Carboeiro.
A creación de planos-guía,ou de luces automáticas nos aseos ou na baixada á cripta, son algunhas das melloras acometidas recentemente. Tamén destaca a creación da oficina de atención aos vistantes nas antigas cociñas do mosteiro.
Auga e Pedra
En decembro do pasado ano tamén se aprobaba o proxecto denominado Auga e Pedra, realizado dende o Concello de Silleda e que obtivo o 100% da financiación solicitada ao abeiro das axudas para municipios con zonas en Rede Natura 2000. Este proxecto, con preto de 24.000 euros de orzamento, mellorará a sinalización do entorno de Carboeiro e da Fervenza do Toxa, os dous grandes referentes do turismo en Trasdeza aos que une ademais a chamada Senda do Deza, que tamén se mellorará con esta iniciativa.
O proxecto inclúe ademais a creación da Senda Botánica da Abadía, na que se recollen ata 22 especies de árbores e prantas autóctonas situadas no fermoso entorno do mosteiro.
“Este proxecto servirá para continuar poñendo en valor esta zona e contribuirá sen dúbida a mellorar o que son os dous grandes referentes turísticos do noso municipio”, explica Cuiña.
Tamén hai varias semanas se asinou o convenio coa Asociación Galega de Custodia do Territorio para a protección do chamado morcego de ferradura, unha especie protexida con colonia no pombal do mosteiro.