- A cifra, a máis alta dos últimos tres anos, consolida este enclave como un dos grandes referentes turísticos do interior da provincia xunto coa Fervenza do Toxa
- bo tempo favoreceu ademais unha notable afluencia ao entorno, onde se sitúa tamén a oficina de turismo integrada na Rede Info Rías Baixas
Silleda, 6 de abril de 2026. O Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro rexistrou durante a pasada Semana Santa un total de 690 visitas ao interior do cenobio, a cifra máis alta acadada nos últimos tres anos e un dato que volve confirmar o enorme tirón deste enclave patrimonial e natural do municipio.
En concreto, o mércores contabilizáronse 46 visitas, o xoves 147, o venres 251, o sábado 147 e o domingo 99, sendo a xornada do venres a de maior afluencia de todo o período. A estes datos hai que engadir ademais o importante número de persoas que se achegaron ata o entorno de Carboeiro durante eses días e que, aínda sen acceder ao interior do mosteiro, quixeron gozar da paisaxe, do conxunto monumental e da contorna natural na que se integra.
Dende o Concello de Silleda valórase moi positivamente esta resposta do público, que estivo favorecida tamén polas boas condicións meteorolóxicas e que evidencia, unha vez máis, a capacidade de atracción dun dos espazos máis emblemáticos do interior de Galicia.
Carboeiro segue así a consagrarse como un dos lugares máis visitados do interior da provincia de Pontevedra, conformando xunto coa Fervenza do Toxa un dos grandes polos de atracción turística de Silleda e da comarca. O mosteiro é un dos conxuntos románicos máis singulares de Galicia, e onde se ubica ademais o punto de información turística do municipio, integrado na Rede Info Rías Baixas.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, destaca que “estes datos confirman o enorme potencial de Carboeiro como destino turístico e cultural, e reforzan o traballo que se vén realizando para poñer en valor o noso patrimonio e proxectar Silleda como un referente do turismo de interior”. A rexedora engade que “estamos a falar dun espazo único, que cada vez atrae a máis persoas e que, xunto coa Fervenza do Toxa, conforma unha oferta patrimonial e natural de enorme valor para o noso municipio”.
Fernández sinala tamén que “o aumento constante de visitantes é unha boa noticia para Silleda, porque contribúe a xerar movemento, dinamismo e oportunidades arredor do turismo, pero tamén nos obriga a seguir incidindo na conservación, no coidado da contorna e na mellora dos servizos para ofrecer a mellor experiencia posible”.
Estas case 700 entradas súmanse ao outro récord durante o mes de marzo, xa que só na ponte de San Xosé accederon preto doutras 400 persoas a este monumento.
Cómpre lembrar que na actualidade o Mosteiro de Carboeiro abre de mércores a domingo, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 19:00 horas, permanecendo pechado os luns e martes ata finais de xuño.
