O mosteiro de Carboeiro recibiu case 2.200 visitas o pasado mes de outubro

Silleda, 8 de decembro de 2016. O mosteiro silledense de San Lourenzo de Carboeiro segue a súa progresión ascendente en canto ao número de visitas. Así, nos dous últimos meses de outubro e novembro rexistráronse cifras superiores a outros anos, un aumento detrás do que podería estar o bo tempo que acompaña este outono.

No mes de outubro pasaron por Carboeiro 2.196 persoas, un total de 785 máis que en outubro de 2015 cando se rexistaron 1.411 entradas.

Tamén o pasado mes de novembro se superou o millar de visitas, cun total de 1.492 entradas, cifra que supera ao mesmo periodo de 2015, con 1.221.

 

As cifras de outubro superan incluso ás rexistradas no mes de xullo, con 1.738 entradas. No que vai de ano agosto, tradicionalmente o mes de maior afluencia turística foi o que rexistrou máis visitantes, con 2.736, seguido de cerca por xuño, con 2.622.

 

Deste xeito, Carboeiro, un dos puntos patrimoniais de referencia do románico en Galicia, xunto co seu fermoso entorno á beira do río Deza, segue a manter a súa progresión de visitas, logo de acadar o seu récord histórico o pasado ano 2015, cando se acadaron as 21.665 entradas.

 

Pechado os días 24, 25, 31 e 1 de xaneiro

Por outra banda, o mosteiro, que vén aplicando dende o 1 de novembro o horario de inverno (de 11:00 a 14:30 e de 15: 30 a 18:00 horas) , estará pechado ao público nas datas festivas de Nadal. Así, o edificio non abrirá as súas portas os días 24 e 25 de decembro, o sábado 31 nin o domingo 1 de xaneiro.