Silleda, 6 de xaneiro de 2017. O mosteiro de Carboeiro pechou o ano 2016 cun total de 18.401 visitas rexistradas. A cifra volve poñer de manifesto o interés que desperta este enclave histórico e patrimonial e o seu entorno.
No balance anual do pasado exercicio destaca sobre todo o aumento de visitas nos meses de outono, duplicando nalgún caso os rexistros de entradas de anos anteriores. O bo tempo parece estar detrás deste sorprendente aumento de visitas ao mosteiro silledense, que en outubro recibiu nada menos que a 2.196 persoa, 785 máis que en outubro de 2015 cando se rexistaron 1.411 entradas.
Tamén o pasado mes de novembro se superou o millar de visitas, cun total de 1.492 entradas, cifra que supera ao mesmo periodo de 2015, con 1.221.
“Sen dúbida o dato máis significativo neste aumento de entradas que apunta á desestacionalización do turismo chega co balance do pasado mes de decembro, xa que nunca antes se acadaran as mil visitas neste mes”, indica a concelleira de Turismo, Ana Luisa González. Así, o pasado decembro pechouse con 1.140 entradas, “un novo récord de visitas”, engade.
As cifras de outubro superan incluso ás rexistradas no mes de xullo, con 1.738 entradas. No que vai de ano agosto, tradicionalmente o mes de maior afluencia turística foi o que rexistrou máis visitantes, con 2.736, seguido de cerca por xuño, con 2.622. En setembro foron 1.552 as persoas que se achegaron ata Carboeiro. No mes de xaneiro rexistráronse 503 entradas, en febreiro foron 512 en marzo 1.415 e en abril e maio superáronse tamén o millar de visitantes con 1.020 e 1.475 entradas respectivamente. Se ben o cómputo global de visitas se reduxo respecto a 2015, cando se acadou o récord histórico de 21.000 visitas, dende o departamento municipal de Turismo a concelleira destaca “ tanto o aumento nos meses de outono como o número final en sí, que demostra que Carboeiro segue a ser un emblema do Turismo na comarca de Deza”, engade.
Rodaxes e exposicións
Así mesmo, o mosteiro de Carboeiro continuou ao longo de 2016 servindo como escenario para distintas filmacións, destacando a rodaxe da serie El final de Camino, para a que o mosteiro se caracterizou coma a Catedral de Santiago. As potencialidades deste enclave continúan a amosarse con estas iniciativas que seguen a estela doutras rodaxes no mosteiro, onde se gravaron películas como Cotolay, nos anos sesenta, Huidos, Flor de Santidad, película de Adolfo Marsillach de 1973, La Ley de la Frontera, de Adolfo Aristarain (1995), ou series como Reliquias, do ano 2011.
A sala de mostras situada nas dependencias monacais tamén acolleu ao longo do pasado ano exposicións coma “Ensueños”, de José Germán Fernández Jolope sobre a Rapa das Bestas, a de tallas de madeira de Vituco ou a pintor Dosinda Alonso, así como exposicións de fotografías de Área de Santiago ou a mostra sobre os Xenerais da Ulla. En Carboeiro continúan tamén como exposición permanentes as fotos antigas do mosteiro e a adicada ás escolas rurais dos anos 50.