Silleda, 16 de agosto de 2017. O Mosteiro de Carboeiro segue a batir récords este verán en canto ao número de visitas. Nos primeiros 15 días deste mes foron 1.700 as persoas que se achegaron ata este monumento, o que fai prever outro agosto de récord en canto a rexistro de entradas.
En xullo pasaron polo mosteiro 1.786 persoas e en xuño superouse esta cifra con 2.107 visitas. Mención especial merecen as xornadas de portas abertas deste último mes, cunha notable afluenza de público. Así, o 25 de xullo, Día de Galicia, pasaron polo mosteiro de Carboeiro 230 persoas, e o pasado día 10, xornada de San Lourenzo, foron 204 as persoas que visitaron este enclave.
“O balance que levamos deste verán a día de hoxe reafirma o atractivo do mosteiro de Carboeiro, o noso gran emblema”, sinala a concelleira de Turismo, Ana Luisa González.
Co ánimo de continuar promocionando e dinamizando Carboeiro, dende a Concellería de Cultura e Turismo estase a estudar tamén a realización de visitas teatralizadas, unha proposta que suporía un paso máis na divulgación deste recurso histórico patrimonio e tamén natural.