Un espectáculo audiovisual sobre a fachada da Casa do Concello e a Fire Performance de Asacocirco darán paso o día 6 ao acendido do resto do alumeado.
Música, maxia, obradoiros, teatro, monicreques e cine, entre outros, conforman unha programación para todos os públicos que se extenderá ata o 10 de xaneiro, día no que se celebra o Gran Sorteo de Nadal de ECOS
Ademais do certame ‘Silleda Fai Nadal’, voltará con novidades o ‘Vai de Parroquias’, implicando ás 33 localidades do municipio
O sábado 7 será o acendido na vila da Bandeira
O Nadal volta a Silleda cunha variada e completa programación pensada para todos os públicos. Música, maxia, obradoiros, teatro, monicreques, cine e actividades deportivas, entre outros conforman unha programación con máis de 40 actividades dende o 5 de decembro ao 10 de xaneiro.
A programación arranca o xoves día 5 co acendido das máis de 600 regadeiras colocadas nas farolas de varias rúas da capital municipal, e nos balcóns, dando paso a un variado programa para todos os públicos.
Deste xeito, e como xa se anunciara o pasado ano, o Concello de Silleda súmase á iniciativa creada pola veciñanza do Barrio das Baratas, extendendo pola vila as orixinais regadeiras coas luces que xa se estrearon o ano pasado. Esta figura utilizouse tamén en actividades como o 8M. Das 650 regadeiras que se incorporan este ano, 275 foron adquiridas pola veciñanza para os seus balcóns, completándose as restantes coa adquisición dende o Concello para repartir pola vila. A intención é continuar en anos vindeiros a “expansión” da campaña Estamos como regadeiras en colaboración co programa municipal Silleda é luz, xestionado por Ferrovial.
O venres día 6 será o acendido do resto das luces, arcos, teitos, árbores… nunha xornada de luz e son. Ás 19:00 horas terá lugar na praza Siñor Afranio o espectáculo Fire Performance, a cargo da compañía Asacocirco, un arranque pirotécnico para outro Nadal especial no que voltan os espectáculos audiovisuais sobre a fachada da Casa Consistorial. Precisamente ao remate do mesmo, terá lugar o primeiro dos tres espectáculos previstos, que se repetirán os días 30 de decembro e 5 de xaneiro.
Estrea navideña na Bandeira
O sábado 7 terá lugar outra xornada especial, co acendido do poboado de Nadal que se instalará na praza Juan Salgueiro da Bandeira. A partir das 17:30 horas a maxia do Nadal encherá o céntrico emprazamento, con actuación da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, entre outras sorpresas, o acendido do poboado de Nadal e a chocolatada con churros para todas as persoas asistentes.
O mércores día 11 celebrarase a Feira da Alegría, a cargo do alumnado do CEIP Plurilíngüe de Silleda no propio centro, e nesa mesma xornada arrancarán os obradoiros no Centro Social de Silleda, cun sobre centros de mesa impartido por Isa López, de Floristería Carmiña (de 16:30 a 18:30 horas), que continuará na xornada do venres día 13. No mesmo centro tamén se impartirá outro a cargo de Pilar Acevedo sobre repostería de Nadal o día 16.
Tamén o domingo día 15 na praza da Igrexa está previsto un mercadiño de Nadal organizado polo centro educativo The Red Lion.
Para os maiores o programa inclúe a Xuntanza de Nadal o día 12 e o Ensaio de Fin de Ano o día 27.
Títeres, teatro, poesía, maxia e cine
As actividades de carácter cultural tamén terán cabida no programa silledense. O sábado 14 realizarase un recital músico poético con artistas locais baixo o lema Pingas de poesía para o Nadal na Casa do Concello. O xoves día 19 títeres Alakrán poñerá en escea tamén na casa consistorial o espectáculo A pita xefa, no marco das actividades da Rede de Dinamización Lingüística.
O luns 23 pola tarde na praza Siñor Afraio o programa Máis Escénicas estréase en Silleda coa compañía Pista Catro e o espectáculo O Autoestopista intergaláctico, un show de ciencia ficción que mestura clown e transformismo. A maxia tamén terá espazo noutras propostas. Será o xoves 26 co programa O Nadal máis máxico, coa actuación do ilusionista José Rivera de Alba Nocta, no salón de actos do Concello.
E para seguir disfrutando en familia, o día 2 de xaneiro proxectarase a película Wonka.
Concertos, osquestras e cabalgatas
A música terá como é habitual un protagonismo especial. O sábado 21 a Coral Polifónica Trasdeza celebra na igrexa de Santa Eulalia o seu concerto de Nadal (19:30 horas) e o sábado 28 será a gran cita da Banda de Música Municipal de Silleda, no pavillón 1 do recinto Semana Verde, coa xa 24 edición do seu recoñecido Concerto de Nadal.
No auditorio Manuel Dopazo todos os colectivos da Bandeira (Banda Recreativa e Cultural, Coro Vales Mahía, Xirandola e Enredos Teatro) recibirán o aninovo noutra cita o sábado 4 de xaneiro.
Unha das novidades da programación chegará coas festas de Pre-Fin de Ano, noitevella e Reis organizadas pola asociación Xuventude Silleda (encargada das Festas de Verán) e o grupo Troula, con colaboración municipal.
A rúa Camiño do Castro será o escenario destas tres citas, para as que xa están á venda as entradas. A primeira delas será o venres 27 de decembro, con París de Noia, a dianteira de Panorama e tres DJ’s (Groove Amigos, Marcos Kintana e Carlos López). Na mesma carpa, a noite de Fin de Ano a festa volta co grupo La Mosca Valiente e DJ Markos Kintana, a partir das 01:00 horas.
Estas propostas rematarán o domingo 5 de xaneiro, na noite de Reis, coa actuación da orquestra Marbella seguida de Pedro VR, Carlos López e Markos Kintana.
Papá Noel , Festa Infantil e os Reis Magos
A rapazada terá novamente dúas citas clave no Nadal de Silleda. O martes 24, Papá Nöel estará novamente recollendo as peticións na Casa do Concello, acompañado por varios zancudos. E o día de Nadal, volverá percorrer as rúas da Bandeira, para rematar cunha chocolatada e recepción no Centro Cultural Vista Alegre, que organiza a celebración en colaboración co Concello.
Para despedir o ano, os máis novos terán unha cita no pavillón municipal César G. Fares o luns día 30, cunha festa na que non faltarán inchables, animación e moitas sorpresas.
A Cabalgata de Reis o día 5 polas rúas de Silleda, despois do que será o último espectáculo audiovisual, será outro dos momentos clave do programa.
San Silvestre, xogos tradicionais, petanca e fútbol solidario
O deporte tamén terá oco na programación. O sábado 21, a Escola de Fútbol Silleda organiza un Torneo Biberón con carácter solidario, coa participación de varios equipos da contorna.
Na Bandeira, o venres 27 a Asociación Cultural Vista Alegre en colaboración co Club Petanca Bandeira organizan tamén un obradoiro de petanca para a rapazada.
E novamente Silleda despedirá o ano correndo, coas carreiras de San Silvestre e San Silvestriño organizadas este ano en colaboración co club Trasdeza Trail, que xa abriu as inscricións para participar nunha proba que como novidade percorrerá toda a vila de Silleda.
E seguindo a exitosa estrea de 2023, despois da proba no faltará unha despedida adiantada do ano dende a praza Siñor Afranio, cunha Gala de Despedida.
Os xogos tradicionais serán protagonistas no pavillón municipal de Silleda na xornada do 3 de xaneiro, con diferentes propostas para disfrutar tamén en familia.
Gastronomía, libros e choiva de premios de ECOS
A gastronomía, ademais do obradoiro de repostería tamén terá protagonismo. En Vista Alegre o martes 17 haberá unha demostración culinaria de pratos de Nadal a cargo de Alberto Lareo (restaurante Maina de Santiago) e o mércores 18 presentarase no salón de actos do Concello o libro A voltas co prato, de Editorial Galaxia, que recolle as receitas do programa homónimo da TVG coa participación do cociñeiro silledense Julio Mato del Rio.
A campaña de ECOS tamén chega forte este Nadal, co sorteo do Calendario de Advento, do 1 ao 24 de decembro, as xornadas de churrECOS, os xoves 19 e 26 e o gran sorteo de Nadal, que como novidade se celebrará o venres día 10 na praza Siñor Afranio.
Certames Vai de Parroquia e Silleda Fai Nadal.
Ademais das actividades mencionadas, o Concello de Silleda ten en marcha a que é xa a quinta edición do certame #SilledaFaiNadal, no cal premiará ás mellores decoracións de Nadal do municipio nas categorías individual e colectiva, co reparto de máis de 3.000 euros en premios que consisten en vales para o comercio e a hostalería local.
Así mesmo, nos vindeiros días darase a coñecer unha nova edición do concurso Vai de Parroquias, que buscará un ano máis promocionar a riqueza cultural, natural, arquitectónica e artística das 33 parroquias que conforman Silleda, con destacadas novidades para fomentar a participación. Dende o Concello de Silleda agradécese a colaboración de todos os colectivos e a veciñanza con este programa, do que se irá dando conta con máis detalle de cada unha das actividades a través das diferentes canles de comunicación.