O novo trimestre do Espazo Lúdico Educativo terá como temática as cores

 

Silleda, 11 de abril de 2013. Os nenos e nenas usuarios do Espazo Lúdico Educativo de Silleda traballarán neste terceiro trimestre coa temática das cores. Logo dos trimestres anteriores, baixo os lemas Xogamos a aprender e Xogamos cos valores, con esta terceira etapa o equipo de Vida Láctea fomentará con este programa a creatividade e a imaxinación dos cativ@s.

Así, preténdese que cada semana traten de ver o mundo dunha cor, traballando con distintos  conceptos asociados a esa tonalidade.

Cada semana estará adicada a unha cor. O vermello abriu esta semana o programa, no que figuran ata o mes de xuño diversas actividades. En base a cada cor artéllase unha dinámica na que figuran obradoiros, contacontos, manualidades, visitas, proxeccións, xogos e propostas feitas polos propios nenos e nenas. A vindeira semana a protagonista será a cor laranxa, e entre as actividades figuran a decoración do espazo educativo, a abordaxe dos lunes e o problema ambiental que xeran  (actividade na que un bombeiro visitará aos cativos para falarlles do seu traballo), contacontos, manualidades nas que realizarán pulseiras de pasta, a ximcana titulada “Na procura da cenoura perdida”, outra adicada ao gato Garfield e a proxección da película protagonizada por este personaxe de debuxos animados.

Campamento de verán, blogue e actividades interxeneracionais

O espazo lúdico educativo tamén celebrará o Día Europeo da Solidariedade  Interxeneracional, que se conmemora o vindeiro luns 29 abril, coa confección dun mural no que participarán pais/nais, avós/avoas, e que se realizará na citada data. A interxeneracionalidade tamén será protagonista da visita que cursarán os nenos e nenas o vindeiro 20 de maio ao Centro Social dos Maiores, onde compartirán cos máis veteranos os seus traballos manuais.

As actividades realizadas neste servizo véñense recollendo no blogue do espazo (http://espazoludicodesilleda.blogspot.com.es/) realizado polos propios alumnos e alumnas matriculados neste servizo, que se pretende potenciar dende o Concello de Silleda.

Por outra banda, dende o Espazo Lúdico Educativo estase tamén a ultimar as actividades do campamento de verán, para o que se prevé adiantar a inscrición ao vindeiro mes de maio.