Silleda, 28 de febreiro de 2019. O municipio de Silleda vivirá nos próximos días unha intensa axenda festiva co entroido como protagonista. Na xornada de mañá venres o programa -que comezou a fin de semana pasada en Lamela- continúa cun obradoiro de máscaras para o público infantil na Casa da Xuventude, ás 17:00 horas e co xa tradicional Xantar de Entroido dos maiores no restaurante Coteliño, no que non faltará a animación do dúo Punto Cero e premios aos mellores disfraces.
Xa pola noite arrancará tamén o programa de entroido na vila da Bandeira, un dos máis veteranos, coa Vellada e unha ruta de tapas de entroido polos bares da localidade, acompañada dunha charanga.
O sábado, a xornada na Bandeira –organizada por Amigos da Empanada- ábrese co desfile de cabezudos polas rúas (12:30 horas) e ás 16:00 horas arrancará o desfile dende a rúa do Deporte, coas máscaras e parrandas que participarán no concurso acompañando aos Xenerais.
Na praza da Feira o Alto dos Xenerais arrancará coa sesión infantil a cargo do alumnado do CEIP Ramón de Valenzuela e pola noite, a partir das 23:00 horas terá lugar o baile de disfraces no pavillón a cargo do Trío Máster, Dúo Punto Cero e DJ Troula, onde se entregarán os premios aos mellores disfraces nas distintas categorías ( comparasas e carrozas, individuais e charangas).
O domingo de Entroido a cita será na capital municipal, organizada por distintos colectivos e o Concello de Silleda. A cita comezará ás 17:00 horas co desfile que partirá dende a praza Siñor Afranio pasando por rúa Progreso, avenida do Parque, rúa Pontevedra, María Colmeiro, Venezuela e rúa Outeiro, para rematar na praza de Juan Salgueiro, onde se instalará unha carpa na que haberá animación musical e chocolatada para todos os asistentes. En caso de choiva, os actos celebraránse xa dende as 17:00 na propia carpa.
En total repartiranse en Silleda, onde se vive o domingo de Entroido por segundo ano consecutivo máis de 1.000 euros en premios. Establécense dúas categorías, individual e colectivos, con senllos apartados cada unha: junior (ata 12 anos) e senior. Así na categoría de grupos haberá tres premios (de 200, 150 e 100 euros) no apartado de junior e no de senior. Na de individual, a contía dos galardóns será de 50 euros para o primeiro clasificado, 40 euros para o segundo e 30 para o terceiro, tanto na junior como na senior.
As persoas e grupos que desexen participar xa poden anotarse dende mañá mercores na Casa da Cultura (en horario de mañá, de 08:00 a 15:00 horas) e na Casa da Xuventude (pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas). Tamén se recollerán inscricións o propio día do desfile a partir das 16:00 horas na Casa da Cultura.
O xurado do certame dará a coñecer o nome dos premiados unha vez remate a deliberación, na propia carpa. Os premios en metálico entregaránse o sábado día 9 de marzo, ao remate do concerto que dará a Banda de Música Municipal de Silleda co grupo Píscore no auditorio da Semana Verde (o remate está previsto para as 21:00 horas).
Na organización do domingo de entroido en Silleda colaboran os colectivos ECOS, Asociación Amigos de Silleda, Asociación de Empresarios do Polígono Área 33, Asociación Cultural O Lacón, Banda de Música de Silleda, Escola de Música, S.D Silleda e Escola de Fútbol de Silleda.
O luns cita en Vista Alegre e o martes en Laro
O público infantil ten senllas citas en Bandeira e Laro o luns e martes de entroido. No Centro Cultural Vista Alegre o luns día 4 volta a tradicional festa de entroido infantil a partir das 17:00 horas coa animación de Barafunda Teatro co espectáculo Globotolo. Ao remate haberá merenda.
Tamén en Laro, no Centro Social da localidade a Asociación de Veciños celebra o martes unha festa infantil de entroido con animación e merenda.
O entroido prologaránse ata a vindeira fin de semana en Silleda con citas musicais: a rúada de Entroido na Bandeira, organizada por Fortín da Pomba, e o concerto e cea baile da Banda de Música Municipal de Silleda.