O órgano do santuario de Abades, único en Galicia, protagonista dun estudo na revista ADRA, do Museo do Pobo Galego

Silleda, 21 de novembro de 2014.  O santuario de Nosa Señora dos Desamparados de Abades, na  parroquia silledense de Abades, agocha un importantísimo e descoñecido elemento do patrimonio histórico e musical galego. Trátase dun órgano realexo, construído en 1793, e que se integra armónicamente no conxunto da igrexa como un elemento máis do templo.

Este instrumento, único en Galicia, vén de motivar un estudo que leva por título “O órgano do santuario de Nosa Señora dos Desamparados de Abades e algunhas notas sobre a súa historia até os nosos días,  que se publicará en breves datas na revista ADRA, editada polo Museo do Pobo Galego.

O traballo foi realizado por Andrés Díaz Pazos, Doutor en ciencias físicas pola USC, profesor de música do CEIP Camiño de Santiago do Pino, e por  Belén Bermejo López, doutora en Dereito especialista en protección do patrimonio histórico, e directora xerente da empresa de xestión cultural Sirgo Torcendo. Ámbolos dous  son  membros do equipo de catalogación dos órganos de Galicia constituído, por encargo da Xunta  de Galicia, no ano 2008.

Os dous mantiveron un encontro no Concello co alcalde e responsable municipal de Cultura, Manuel Cuíña, ao que lle explicaron polo miudo as características que fan único este tesouro do patrimonio cultural. Está previsto tamén que a revista sexa presentada en Abades, no propio santuario onde se conserva, prácticamente intacto este valioso instrumento.

 

 

            “Se o patrimonio organístico é en xeral un grande descoñecido, que foi caendo no  esquecemento paralelamente ao paulatino desuso na liturxia, este órgano non é unha excepción. Porén é un exemplar único no seu xénero en toda Galicia por varias circunstancias: consérvase nun excelente estado, prácticamente no seu estado orixinal, con toda a súa tubería intacta e sen electrificar. O moble e o mecanismo de dar aire ao instrumento, os foles, consérvanse tamén intactos e coa súa decoración e policromía orixinais, acorde coa do resto de templo. Ademais é un dos poucos realexos que se conservan en Galicia, malia ter constancia de que existiron varios deles polos templos da nosa Comunidade. O realexo era un órgano algo máis cativo ca os instrumentos típicos, que se construían para as igrexas”, explican os autores.

 

            Así mesmo, un ingrediente que lle engade valor ao instrumento é que se coñece o o seu constructor: o frade franciscano Frei Felipe de la Peña. Este frade, residente no mosteiro de San Francisco de Santiago, era un consumado organeiro, descendente dunha saga de organeiros. A súa sona e bo facer fixeron que tivera ao seu cargo a construción doutros instrumentos por Galicia, como o órgano do Mosteiro de Celanova, e mesmo fora de Galicia, o caso do órgano da Colexiata de Pravia, en Asturias.

 

                        “Cumpre dicir tamén que foron poucos os órganos existentes no rural galego, excluíndo os órganos dos mosteiros, e menos aínda os que se conservan hoxe en día. O órgano de Abades é un exemplo de órgano rural construído para un templo no que, no seu día, non se escatimaron esforzos en canto a ornamentación e no que a música había de ter moita importancia, como se deduce do esforzo económico que se adicou a manter un organista asalariado e os pagos aos cantores para as celebracións litúrxicas máis importantes”, sinala.

 

Proxecto de recuperación e fomento do turismo

           

Tendo en conta o contexto no que se atopa, nunha zona destacada dende o punto de vista natural e patrimonial, o órgano do santuario de Abades consitúe sen dúbida un reforzo de cara á promoción dun turismo sostible de carácter cultural.

“Logo do éxito do roteiro do Baixo Deza, que comeza precisamente na parroquia de Abades, e do concerto do festival Espazos Sonoros, que se celebrou no santuario da man do Coro Ultreia o pasado mes de setembro, queda patente que, a gran valía deste instrumento viría a complementar o atractivo desta zona, onde se abren novas posibilidades á hora de organizar actos culturais ou mesmo didácticos”, engaden.

 

Durante o encontro tamén se falou da posibilidade de acometer a restauración desta xoia musical. “Trataremos de conseguir os fondos necesarios para a recuperación deste órgano que vén sumarse ao valioso patrimonio cultural que temos no municipio de Silleda”, engade Cuiña, que agradece a Andrés Díaz e a Belén Bermejo o traballo realizado e a súa implicación “á hora de dar a coñecer a valía deste novo tesouro”, engade.