O Concello de Silleda anuncia a reapertura do parque canino situado na antiga zona do campo de golf, un espazo que se converteu en punto de encontro para as familias e as súas mascotas.
Tras varias semanas de peche e logo de rematar as melloras, como a instalación dunha dobre porta de seguridade e dunha fonte de auga, o parque volve estar dispoñible cunha xornada festiva cargada de actividades para o goce da veciñanza
O evento terá lugar o vindeiro sábado 16 de novembro, a partir das 16.30 horas, e incluirá unha programación de demostracións e obradoiros abertos tanto ás persoas usuarias habituais do parque como a quen queira achegarse a participar da xornada.
O programa de actividades comezará ás 16.30h coa Exhibición de habilidades caninas das famosas cadelas Lúa e Kia, coñecidas polas súas intervencións en distintos medios de comunicación , que sorprenderán ao público con trucos únicos, como andar en monopatín.
Estas cadelas da raza Border Collie, de 12 anos e medio e 8 anos, respectivamente, son propiedade de Serafín López, veciño do Concello da Estrada. A súa admiración polas habilidades caninas nos concursos de exhibición levouno a formarse neste modalidade de adestramento unha vez xubilado. Leva adestrando con Lúa dende que era unha cachorra, e a Kia, dende os 14 meses.
De seguido, ás 17.30h, realizarase o Obradoiro de adestramento e coidados de cachorros, impartido por Tony Lanzó. Este silledense, portorriqueño de nacemento e galego de corazón, é un dos referentes en España para os apaixonados dos cans. A súa afección por estes animais converteuse en profesión sendo o iniciador do adestramento de cans en Galicia alá polo ano 1976. Na década dos 90 comezou a colaborar coa Semana Verde e dende 1994 foi o responsable de coordinar eventos caninos ou ecuestres no recinto da Feira Internacional de Galicia.
Haberá outras actividades complementarias como un Espazo fotográfico, con elementos divertidos para familias e mascotas: posto de produtos para mascotas, e un mercadiño solidario a cargo do colectivo Bigotes de Lalín, que tamén colabora xunto a 4 cadeliños, de A Estrada.
Estas actividades complementarias estarán coordinadas por Joselyne Orosa, auxiliar de veterinaria, veciña de Bandeira, voluntaria nas colonias felinas e unha amante dos animais, por profesión e vocación.
O Concello de Silleda agradece a Serafín López, Tony Lanzó e a Joselyne Orosa, así como ás outras entidades participantes, a súa colaboración na organización deste evento, pensado para gozar en familia e reforzar o compromiso co benestar animal. Unha xornada festiva para persoas e mascotas que marca un novo comezo para este espazo único no municipio.