Silleda, 23 de marzo de 2018. A obra de mellora e reforma do parque municipal das Pedrosas está xa lista. A actuación, que se acometeu a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, supuxo unha inversión de 199.999 euros. Hoxe mesmo estréase a principal novidade das obras: a dotación de luminarias, unha iniciativa que permitirá ampliar os usos desta zona pública.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña e o deputado provincial David Regades, participaron xunto aos concelleiros Klaus Brey e Benito Saavedra na estrea da reforma, que se completou coa reconstrucción dos muros exteriores de pedra, a creación dunha rede de sendeiros internos con xabre, e outras actuacións coma a dotación dunha ponte de madeira.
“Trátase dun espazo natural e de ocio moi usado polos silledenses. Coa dotación de iluminación ampliaremos as posibilidades de uso deste parque municipal, xa que moitas das persoas que habitualmente pasean pola zona terán a oportunidade de facelo tamén pola noite”, indicou o alcalde, que agradeceu a Regades a súa presenza en Silleda (onde visitou tamén a Feira da Enerxía, e participou na presentación da Romaría da Rosquilla). Cuiña destacou tamén a “política aplicada pola Deputación a través do Plan Concellos, máis igualitaria, grazas á que en Silleda onde recibimos arredor de 800.000 euros ó ano con estes fondos, podemos acometer actuacións coma esta”, sinalou.
O rexedor silledense tamén avanzou que unnha vez aprobado o Plan Xeral unirase a vila con este parque a través de zonas verde. “Hai xa un proxecto para levar a cabo esta idea, e tal e como xa se ten comentado nalgún pleno unha vez unido este parque co casco urbano procederase a ampliar este parque comprando a parque que aínda está en mans privadas e que ten unha superficie similar a desta zona”, explicou, matizando “que nos parece máis importante primeiro unir este parque ca vila para que de forma definitiva os veciños de todas as idades poidan achegarse ata aquí a disfrutar de forma segura”, indica.
Pola súa banda David Regades destacou a singularidade da actuación e a beleza do parque “un dos máis fermosos da provincia”. Tamén sinalou que esta actuación reflexa o tipo de política “que temos que facer as administracións, con obras e servizos para os veciños e veciñas” e felicitou ao Concello de Silleda “por entender a nova filosofía da Deputación”.
A carballeira, con máis de 13.000 metros cadrados de superficie conta dende hoxe cun sistema de iluminación formado por 137 balizas de luminarias LED que permitirán aos veciños disfrutar máis horas deste enclave, onde se ubican ademais un parque infantil, un parque biosaudable, outras instalacións xuvenís (con tirolina e outros aparellos) e unha cancha deportiva.