O pavillón César González Fares acolle unha exhibición deportiva benéfica

 

Silleda, 19 de decembro de 2012. O vindeiro venres día 21 de decembro terá lugar no pavillón municipal César González Fares a segunda edición da exhibición benéfica das escolas deportivas de Silleda. A cita comezará ás 21.00 horas con tres modalidades deportivas.

En primeiro lugar haberá unha exhibición de bailes de patinaxe, á que seguirá a de aerobic, protagonizada polas veciñas de Ansemil-Martixe. Pecha o certame a exhibición da escola de kun fu, na que participan alumnos e alumnas de todas as idades e categorías.

“Despois do gran éxito que tivemos o ano pasado coa primeira cita benéfica, na que se recolleron xoguetes, este ano farémolo con alimentos non perecedoiros, que irán ao banco de alimentos do programa municipal Silleda Solidaria”, sinala Klaus Brey, responsable da Concellería de Deportes que organiza o evento.

Os asistentes que depositen alimentos á entrada do pavillón recibirán unha rifa para participar, ao final do acto, no sorteo de varios vales de compra de 15 euros cada un, donados por establecementos comerciais de Silleda. Dende a concellería, Klaus Brey, amosa o seu agradecemento a todas as tendas que se sumaron a esta iniciativa.

Ao remate, tamén haberá chocolate con churros para os nenos e nenas do público e aqueles que participaran na exhibición.

Esta iniciativa benéfica súmase a outras campañas realizadas nas últimas semanas dende centros educativos, asociacións, clubes… ás que dende o Concello se agradece a súa colaboración e implicación co programa Silleda Solidaria.