O plan de aforro enerxético permite encender as farolas apagadas, logo de reducir o gasto na factura en 22.000 euros nos 4 primeiros meses do ano

 

Silleda, 15 de maio de 2013. O concelleiro de Obras e Servizos de Silleda, Manuel Cuíña, compareceu hoxe para dar conta dos excelentes resultados do plan de aforro enerxético posto en marcha en agosto do pasado ano polo goberno municipal. Cos datos da factura dos primeiros 4 meses do ano, Cuíña explicou que se procederá ao encendido das farolas que faltan.

O aforro das tres facturas emitidas no que vai de ano na factura eléctrica do Concello é de 21.822 euros respecto ao mesmo periodo de 2012. O primeiro recibo (correspondente aos meses de xaneiro e febreiro) foi de 50.959 euros, mentres que no mesmo periodo de 2012 foi de 70.036, 62 euros, co que o aforro foi de 11.077 euros.

“Xa con estes datos na man tomouse a decisión de repoñer as farolas que dan servizo a granxas e establos”, explicou Cuíña indicando que nos últimos meses se encenderon xa 84 farolas.

Hoxe recibíronse os datos de marzo e abril, cunha facturación eléctrica total (incluíndo alumeado público e todos os centros públicos), de 49.731,90 euros, mentres que no mesmo periodo do pasado ano foi de 60.476, 46 euros.

Así, o aforro total achégase aos 22.000 euros. “Esto permitiranos repoñer todas as farolas que estaban dando servizo a casas, que aínda desabitadas, sí están habitables”, sinalou Cuíña, anunciando a reposición de todos os puntos de luz, salvo “os que están cara a silveiras ou en eiras privadas, por cacicadas do PP”.

O concelleiro sinalou que no seu día se apagaron un total de 850 puntos de luz, e que “aínda que agora as repuxeramos todas seguiríamos tendo un aforro bimensual de 7.000 euros, co que isto demostra que o apagado non foi a medida máis efectiva de aforro”. Así, reivindicou a xestión realizada polo goberno actual. “O maior aforro logrouse co cambio dos contadores, que non lle costou nin un euro ao Concello, polo que existe unha deixadez histórica dos gobernos anteriores”, sentenciou.

Ademais do apagado de farolas, fixéronse axustes no termo de potencia, cambios de tarificación, modificación de luminarias e axustes de dispositivos de control.

Cuíña sinalou que nun prazo aproximado de 4 meses se fará un novo balance sobre os datos de aforro.